Dúbidas sobre o enganche do polígono de Nantes coa EDAR de Dena

En Marea esixirá a Augas que aclare cal é a capacidade da depuradora e o PSOE se terá consecuencias para Os Pasales

Representantes do PSOE, ás portas da depuradora situada no concello de Meaño. RAFA FARIÑA
photo_camera Representantes do PSOE, ás portas da depuradora situada no concello de Meaño. RAFA FARIÑA

O impacto que pode ter a posta en marcha do polígono empresarial de Nantes, cuxa recepción por parte do Concello farase efectiva en breve, é motivo de preocupación para Somos En Marea Sanxenxo e o PSdeG-PSOE. Tanto é así que ambos colectivos confirmaron onte que levarán este tema ao Parlamento. Mentres que a formación vencellada a En Marea ten previsto esixir a Augas de Galicia "un informe serio que amose cal é a capacidade actual da EDAR dos Pasales", os socialistas tamén se comprometen a preguntarlle á Xunta de Galicia de que xeito pode afectar a conexión do saneamento do parque industrial coa depuradora situada na parroquia meañesa de Dena.

A portavoz de Medio Ambiente do PSOE, Patricia Vilán, visitou onte a EDAR, acompañada do parlamentario Julio Torrado e das responsables das agrupacións socialistas de Sanxenxo e Meaño, Ainhoa Fervenza e Icía García. Vilán asegurou que a depuradora "está xa saturada", polo que teme que, en caso de prestar tamén servizo ás empresas que se asenten no SU 15 de Nantes, "se poña en risco a Zona de Especial Conservación de Os Pasales". Ademais, a representante do PSdeG-PSE non ocultou a súa sorpresa polo feito de que Augas de Galicia emitise agora un informe favorable sobre a conexión, cando hai apenas dous anos descartou esta posibilidade. "Precisamente, o polígono estivo paralizado pola falla de conexión cona EDAR", precisou Vilán, que tamén lembrou que o Concello de Meaño tampouco era partidario desta medida.

Sobre o anuncio feito polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, da posta en marcha do parque empresarial, Patricia Vilán asegurou que "(Martín) estase a erixir como voceiro da Xunta, posto que fai un auncio que afecta a outra Administración local e que vai en contra dos informes negativos feitos por un organismo autonómico como é Augas de Galicia". Ademais, os socialistas tamén esixen ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo que se dirixa a Meaño para iniciar as obras de desdobramento das canalizacións de augas pluviais e residuais que chegan á Estación Depuradora de Augas Residuais de Dena.

"BANDAZOS DO PP". Mentres que os representantes do PSOE pasaban revista á depuradora ao longo da tarde, pola mañá foron varios os integrantes de En Marea que se achegaron ata o parque empresarial de Nantes. Entre eles atopábanse os parlamentarios Julia Torregrosa e David Rodríguez, ademais da responsable logal de Somos En Marea Sanxenxo, Mary Camiña. Ante "os constantes bandazos do Partido Popular", a formación liderada a nivel autonómico por Luís Villares comprometeuse a solicitar a Augas de Galicia que aclare, a través de documentos "serios", a capacidade actual da depuradora situada nos Pasales, "a cal desemboca nunha zona protexida, en plena ría de Arousa".

Ao igual que o PSOE, en Marea amosa a súa sorpresa polo feito de que "en igualdade de condicións, hai uns anos o informe foi desfavorable para levar a cabo esta actuación". Ademais, Somos instará ao Concello de Sanxenxo a que "publique cal foi o destino dos cartos do aval incautado hai sete anos, así como o estudo de Augas favorable ao enganche".

Comentarios