sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

Emerxencias de Sanxenxo, ante o reaxuste de persoal: "Deberían pensar na seguridade dos veciños e na nosa"

Parte da plantilla de Emerxencias de Sanxenxo durante a recollida de sinaturas no municipio. CEDIDA
Parte da plantilla de Emerxencias de Sanxenxo durante a recollida de sinaturas no municipio. CEDIDA
Sanxenxo aprobará a reorganización do servizo o venres en Pleno ►A plantilla sumou este martes máis de 2.500 sinaturas recollidas en contra da medida
A aprobación da reorganización da plantilla do servizo de Emerxencias de Sanxenxo xa ten data fixa, despois de que a medida tivera que ser excluída da orde do día do Pleno ordinario da pasada semana por unha alegación do BNG, co obxecto de aplicar correctamente a Lei de Normalización Lingüística, posto que o escrito estaba en castelán e non en galego, como debera. Será durante a mañá do venres en Pleno extraordinario telemático, despois de que a Comisión extraordinaria se reunira este martes para abordar un tema que prevé aprobar cos votos favorables do Partido Popular, baixo un clima de tensión que dende a fin de semana sacou a parte da plantilla do servizo de Emerxencias ás rúas do municipio para recoller sinaturas en contra da medida.

Este martes xa sumaban máis de 2.500 sinaturas que, tal e como explicou un voceiro do servizo municipal, Daniel Portela, "entregaranse no Concello por rexistro, xa que en principio imos seguir coa campaña ata que se celebre o Pleno. Pedimos que boten atrás esta medida, deberían pensar na seguridade dos veciños e na nosa", pediu o voceiro do servizo municipal.

Se ben inicialmente o Goberno local propoñía, mediante a reorganización do servizo, cubrir as horas nocturnas cos bombeiros de Ribadumia, tras unha reunión mantida coa plantilla entre finais de febreiro e principios de marzo informou de que a modificación pasará por un axuste do persoal de Emerxencias, que contará con doce persoas no canto das 18 actuais. Neste sentido, as seis restantes serán reubicadas noutro departamento, algo que a plantilla de Emerxencias calificou de "inviable para moitas das actuacións que levamos a cabo, xa que quedariamos dúas persoas por cada quenda, o que incluso chegaría a ser perigoso para moitas actuacións, sen contar os días que un poida estar de baixa ou descansando", explicou Portela.

Uns 40 establecementos de Sanxenxo, e incluso de Poio e Meaño, xa se encontran adheridos á campaña de recollida de sinaturas baixo o hashtag #EuNonSonCómplice na que, segundo o voceiro, "hai veciños moi involucrados, e sentimos moito apoio tamén polas redes". Recentemente, Emerxencias de O Grove sumou tamén o seu apoio á campaña.

Emerxencias de Sanxenxo, ante o reaxuste de persoal: "Deberían...
Comentarios
ç