Emprego do Salnés: 10 anos e un milleiro de persoas

A conselleira María Jesús Lorenzana puxo onte en valor o investimento de 2,4 millóns da Xunta durante estes anos
O II Encontro Empresarial da iniciativa celebrouse no Náutico de Sanxenxo. GONZALO GARCÍA
photo_camera O II Encontro Empresarial da iniciativa celebrouse no Náutico de Sanxenxo. GONZALO GARCÍA

O Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade do Salnés acada os seus 10 anos de vida cun milleiro de persoas formadas, que viron mellorada a súa situación laboral, da man da colaboración con 700 empresas da comarca que ofreceron prácticas non laborais e un total de 270 accións formativas e de asesoramento.

O éxito do programa, que contou ata o momento cun investimento de 2,4 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, foi posto en valor onte pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, durante o II Encontro Empresarial que se celebrou este venres no Náutico, e que serviu para conmemorar este significativo aniversario, coa presenza de varios dos participantes.

Lorenzana salientou o valor dos programas integrados de emprego durante o acto, non só polos bos datos de inserción laboral que acadan en xeral, senón tamén porque é unha iniciativa que, segundo explicou, "combina a cualificación profesional das persoas desempregadas coa implicación de empresas da contorna para facilitar o acceso a un posto de traballo".

Para a conselleira, "a estreita colaboración" entre a Xunta e entidades locais e sen ánimo de lucro posibilitan a realización destes programas que teñen como obxectivo favorecer novas portas de acceso ao mercado laboral a persoas demandantes de emprego. "O binomio formación-emprego e a colaboración público-privada dan como resultado un emprego adaptado ás particularidades de cada zona, o que garante a súa estabilidade e futuro", apuntou.

Na actualidade estase a celebrar unha nova edición do PIE na que participan 100 persoas, das que un 45%, como mínimo, poderán atopar un traballo. Na edición pasada, esta porcentaxe de inserción laboral superouse, chegando ao 70%. Así, elaboración de viños, pilotaxe de drons, soldadura, agricultura ecolóxica ou ‘big data’ son algunhas das áreas formativas, sobre as que poderán realizar prácticas non laborais en empresas da zona.