O entorno portuario e dúas prazas de Sanxenxo xa teñen conexión wifi pública

A superficie, de 200.000 quilómetros cadrados, inclúe a Praza dos Barcos, a Praza do Mar, e mesmo chega ata a praia de Silgar ►O Concello habilitará outros 35 puntos en varias parroquias
Vista dende o dispositivo instalado no exterior de Nauta cara á súa área de influencia en Silgar. CEDIDA
photo_camera Vista dende o dispositivo instalado no exterior de Nauta cara á súa área de influencia en Silgar. CEDIDA
A conexión wifi pública acaba de chegar a Sanxenxo. O entorno portuario, a Praza dos Barcos e a Praza do Mar veñen de converterse nos primeiros espazos públicos do municipio que contan con internet de acceso libre e sen custe, no que supón unha superficie total de aproximadamente 200.000 metros cadrados na zona, que mesmo acada a praia de Silgar. Así o explicaron dende o Goberno local, que indicou que un dos receptores instalouse no exterior do parking de Nauta en dirección ao Paseo de Silgar, co obxectivo de que a sinal poida acadar o areal e parte do paseo.

Neste sentido, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, amosaba a este medio hai unhas semanas a súa preocupación pola mala cobertura da fibra óptica no concello, especialmente en pleno Paseo de Silgar, epicentro da vida no municipio en tempada alta, e sinalaba que o Goberno local mantén reunións con dúas compañías de telefonía para "facer forza" por solucionar unha situación que a veciñanza aqueixa a diario.

Ademais desta actuación, o Concello adiantou que, dentro do proxecto Red.es, contempla a instalación doutros 35 puntos de wifi gratuito en lugares estratéxicos das diferentes parroquias do municipio, que se desenvolverá nos vindeiros meses.

NAUTA. A actuación levada a cabo no entorno portuario supón un custe total de 19.811 euros, dos que 15.000 son sufragados con fondos europeos, a través do programa WiFi4EU, e 4.811 son aportados por Nauta.

A empresa encargada da colocación da rede, Telefónica Movistar, que está dentro da listaxe de entidades que esixe a subvención europea, finalizou os traballos a finais da pasada semana, coa instalación de once dispositivos, dos que os nove exteriores cubrirán a balsa de auga do porto deportivo, e os dous interiores, a Sala Nauta e Capitanía.

O Concello de Sanxenxo encargarase do mantemento e das conexións, mentres que Nauta abonará o acceso a internet (gastos operativos) durante tres anos como mínimo. A velocidade mínima é de 30Mbps, sen discriminar (limitar o tráfico) aos usuarios da rede inalámbrica, excepto para poder realizar una distribución equitativa do ancho de banda entre os usuarios en horas de utilización da rede wifi, que se analizará con fins estadísticos.

Comentarios