Entretendas dinamiza o comercio local de Sanxenxo con animación e descontos ata o 50%

Portonovo acolleu este xoves a primeira sesión de actividades urbanas no marco da Volta ó cole, que se estenderán a Sanxenxo e Vilalonga os vindeiros días ▶ O colectivo prepara xa a campaña de Nadal, na que colaborará en citas chave no municipio coma a Cabalgata ou o acendido das luces
Festa Volta ao Cole organizada por Entretendas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Festa Volta ao Cole organizada por Entretendas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A asociación de comerciantes Entretendas Centro Comercial Urbano de Sanxenxo inaugurou onte no Multiusos de Portonovo a campaña de dinamización do comercio local no marco da Volta ao cole, nunha cita que inicialmente estaba previsto que se celebrara ao aire libre, pero que finalmente tivo que realizarse a cuberto por mor da climatoloxía. Nunha xornada pensada especialmente para os máis pequenos, que gozaron coa animación musical de Discoteca Master, un inchable e unha zona de mini glitter, o colectivo ofreceu descontos para mercar nos establecementos asociados do comercio local durante as vindeiras semanas de entre o 10% e o 50%.

 

Festa Volta ao Cole organizada por Entretendas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Festa Volta ao Cole organizada por Entretendas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"Con isto, buscamos fidelizar a esa clientela que son os pais e nais, nunha época intermedia como é o mes de novembro, entre o verán e o Nadal, e na que caen as ventas", explicou o presidente da entidade, Julio Presas. A maiores, entre os nenos e nenas que participaron nesta primeira xornada de dinamización, Entretendas sorteou material escolar "para axudar á economía dos fogares".

A actividade, que se desenvolveu cun notable éxito durante a súa primeira sesión, estenderase nos vindeiros días a Sanxenxo e Vilalonga, onde está previsto que se celebre baixo o formato concebido inicialmente, ao aire libre. Neste sentido, o inchable e as actividades para os cativos e cativas localizaranse nas inmediacións do campo de fútbol de Vilalonga e na Praza dos Barcos de Sanxenxo, segundo avanzou o presidente da entidade, que agarda poder desenvolver estas xornadas durante esta fin de semana, se ben continúan pendentes da posibilidade de choiva.

CAMPAÑA DE NADAL. Entretendas traballa xa na organización da vindeira campaña de Nadal, na que repetirán o modelo do ano anterior no que respecta a colaborar na animación en grandes citas sinaladas no calendario sanxenxino, como son o acendido das luces ou a Cabalgata de Reis que organiza o Concello.

Deste xeito, tal e como explica o presidente da entidade, Entretendas estará presente nesas citas, nas que tamén se ofrecerán descontos para fomentar a compra no comercio local en establecementos de todo tipo, e moi especialmente, no caso das primeiras accións promocionais, para animar a adiantar as compras grazas ás bonificacións que poderán obter os asistentes.

Festa Volta ao Cole de Entretendas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Festa Volta ao Cole de Entretendas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Tras superar a pandemia, Entretendas vén de rexistrar as mellores cifras de vendas dos últimos anos durante os meses do pasado verán, se ben constatou un gasto contido que se compensou coa alta afluencia de visitantes ao municipio, xa sen restriccións. Unha vez rematado o verán, o colectivo busca potenciar as compras durante o periodo previo ao Nadal que abarca todo o outono, co obxectivo de paliar o habitual baixón no que respecta ás cifras de vendas no municipio.

Máis accións
Comezan as grabacións dos vídeos promocionais
Entretendas comezou esta mesma semana, concretamente o pasado mércores 26, as grabacións para os vídeos promocionais que axudarán a visibilizar a oferta comercial de Sanxenxo.
Trátase dunha acción coa que o colectivo amosará a través das súas redes sociais oficiais os produtos do comercio local, nun ton dinámico que permitirán que os potenciais compradores e compradoras de Sanxenxo e de fóra do municipio poidan situar todos os atractivos que ofrecen, dentro e fóra da tempada turistica, e así visibilizar a calidade e a diversidade dunha oferta que abarca dende comestibles ata roupa, complementos e os máis diversos agasallos.

Comentarios