O equipamento para a área de esterilización do Hospital do Salnés costará 692.362 euros

A futura instalación emprazarase nun andar inferior e na vertical do actual bloque cirúrxico e terá unha maior capacidade operativa
Exterior del Hospital do Salnés. RAFA FARIÑA
photo_camera Exterior del Hospital do Salnés. RAFA FARIÑA

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, vén de publicar a licitación do equipamento para a futura área de Esterilización do Hospital do Salnés, cun investimento de 692.362 euros.

A obra deste proxecto adxudicouse á empresa Actividades de Infraestructuras Públicas y Conservación SL cun investimento global de 743.986 euros e contempla a construción dunha nova unidade de Esterilización que vai permitir duplicar a superficie actual adicada a estes procesos médicos e á adaptación da capacidade do bloque cirúrxico do hospital arousán tras a súa anterior ampliación de espazos e carteira de servizos.

Dita obra e o equipamento financiaranse co Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 con fondos React-UE coma parte da resposta da Unión Europea á pandemia de covid-19. Esta contratación potencia a cobertura sanitaria á poboación do Distrito Sanitario do Salnés coa adquisición do equipamento integral que conformará a nova central de esterilización que vai prestar servizo ao novo bloque cirúrxico, así coma ao resto de unidades asistenciais que o requiran.

A construción dunha nova unidade de Esterilización permitirá duplicar a superficie actual

A nova área emprazarase nun andar inferior e na vertical do actual bloque cirúrxico, con comunicación directa mediante senllos ascensores. Procederase á completa renovación do equipamento do actual servizo, que contará con novas estacións de lavados, de selados e empaquetados, termodesinfectadoras, esterilizadores de última xeración, sistemas de monitorización e de trazabilidade, cabinas de retorno, estanterías, carros manuais e eléctricos de transporte, así como mesas de traballo e recepción de instrumental.

Esta área de Esterilización terá unha maior capacidade operativa, que permita procesar todo o instrumental, equipamento e accesorios cirúrxicos considerando a proxección de actividade futura do bloque cirúrxico do hospital. Ademais, disporá de capacidade adicional para procesar o resto do material xerado nas áreas intervencionistas, consultas e gabinetes, Urxencias e similares.

Tamén contará cun maior grao de informatización e capacidade para integrarse no sistema en rede de xestión integral dos procesos desenvolvidos polo Servizo de Esterilización dispoñibles no resto de hospitais da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

Comentarios