David Castro, alcalde de Ribadumia

"Estamos para xestionar os recursos e temos que escoitar aos veciños"

▶ Oito anos na Alcaldía co respaldo dun partido local e tamén dunha veciñanza que lle permitiu gobernar en solitario neste mandato. Quizais por iso insiste en que hai que escoitar aos veciños.
En maio, de liderar unha lista, verá se esa estreita comunicación foi satisfactorio para a cidadanía
David Castro confirmará neste mes se repite como candidato á Alcaldía
photo_camera David Castro confirmará neste mes se repite como candidato á Alcaldía

En Besomaño, parroquia natal de David Castro Mougán, atoparon os restos dun castro que mantivo a súa actividade ata a chegada dos romanos, que probablemente o reduciron a cinzas. O alcalde de Ribadumia comezou (de romano) nun gran partido de ámbito nacional para logo pasar á pequena tribo local dos Independientes por Ribadumia. Polo de agora resiste dúas lexislaturas, a última con maioría absoluta, envoltas en varias polémicas puntuais que tratan de aproveitar os seus rivais políticos.

Balance da lexislatura?

Estes últimos catro anos veñen condicionados pola pandemia, que abarcou dous ou dous anos e medio. Marcou a lexislatura, con restricións que non estaban previstas. Estivemos moi atentos ao seguimento e dar solucións a toda a poboación. Logo retomamos os distintos eventos e actividades para volver á normalidade anterior.

En obras ou medidas concretas?

Pois moitas, sempre tendo en conta as peticións dos veciños que introducimos nos distintos planes de subvención. En materia enerxética cambiouse todo o alumeado, o que nestes tempos difíciles supón un aforro de 200.000 euros. Non queremos incrementar impostos e esta medida axudounos a liberar a economía do Concello. Logo están os servizos municipais de auga e os sumidoiros. Tratamos de minimizar a brecha entre o rural e o urbano, facer un traballo de humanización.

Fala do rural e neste tipo de concellos ten gran protagonismo.

Ribadumia ofrece unhas características moi concretas e non é fácil. Fomos dos primeiros en ter unha concentración parcelaria. Quedaron viais moi atractivos e anchos, polo que é posible e necesaria esa humanización. Queremos que a diferencia co urbano sexa mínima, pero non é fácil polas limitacións económicas. Estamos traballando para actuar en todas as parroquias en 2023. O Concello conta coa opinión dos cidadáns e, aínda que non se pode contentar sempre a todos, cando menos facemos o imprescindible. Estamos para xestionar os recursos e temos que escoitar aos veciños.

Uns recursos que tamén manexan outras administracións. Ser un partido independente dificúltalles obter axudas?

A política é necesaria e as relacións teñen que ser boas. No noso caso son boas. Hai que cambiar as tendencias porque temos moitas cosas en común. O normal é negociar recursos con outros. Para facer grande un concello temos que traballar entre todos.

Exemplos desa colaboración?

Coa Deputación estamos negociando un proxecto importante na rúa Condesa. Coa Xunta, melloras no colexio, un terceiro médico, pediatra, enfermeira e obras no centro médico. O colector en Cabanelas polas verteduras incontroladas... Tamén con outras institucións que poden achegar axudas de moito calado.

A Mancomunidade do Salnés?

Efectivamente. Para nós e algo moi importante. De Galicia é unha das que mellor funciona. Temos a auga mancomunada e destacaría tamén a promoción turística que nós de forma individual teríamos moi complicado facer. O crecemento no sector do turismo é importante e xera un gran retorno económico. Queremos que se nos coñeza. Tivemos máis de 2.000 visitantes na Ruta da Pedra e da Auga. Creo na Mancomunidade, a relación é excelente e traballamos cóbado con cóbado.

Optará por acadar un terceiro mandato?

Xa dixen en algún momento que ata xaneiro non imos tomar decisións. Haberá unha reunión do equipo de goberno e de toda a xente de Independientes por Ribadumia, incluídos os que non entraron nas listas. Primeiro valoraremos se nos volvemos a presentar, que creo que si, e despois se sigo sendo a cabeza de lista. Todo o equipo que me acompaña ten a palabra se seguimos con este proxecto e quen o lidera.

Viaxamos a un hipotético futuro onde aínda están a cargo do Concello. Que plans teñen para a vindeira lexislatura?

Tres puntos fundamentais. Seguir traballando na conciliación laboral e familiar. Continuar na liña de melloras no rural e minimizar a brecha. E seguir na defensa do deporte, con grandes eventos de piragüismo, fútbol ou ciclismo que nos sitúan no mapa deportivo a nivel nacional e incluso internacional. Logo hai que manter todas as instalacións e infraestruturas, ademais de levar a cabo algunhas das obras mencionadas antes como o colexio e a rúa Condesa. Por último, insistir en que temos que seguir escoitando aos veciños que son os que saben as necesidades de cada lugar. Ás veces os políticos pensamos que o sabemos todo.

Comentarios