Falece unha muller e outra resulta ferida grave nun accidente en Meis

As dúas vítimas circulaban nunha moto cando foron embestidas por un Porsche que realizaba unha manobra de adiantamento
Imaxe do accidente. DP
photo_camera Imaxe do accidente. DP

Unha muller resultou morta e outra gravemente ferida ao ser arrolladas as dúas na moto na que ían, por un turismo que estaba, presuntamente facendo unha manobra de adiantamento.

Sucedeu sobre as 21.30 horas na recta da PO-531 ao seu paso por A Goulla, cando, un Porsche que circulaba en sentido Vilagarcía se levou por diante, en plena manobra, un ciclomotor ocupado por dúas mulleres.

Como resultado do impacto, unha das mulleres faleceu no punto, mentras que a outra, gravemente ferida, pero estable, foi derivada nunha ambulancia do 061 ao Hospital de Montecelo.

As dúas persoas son veciñas de Armenteira, segundo informaron responsables de Protección Civil de Meis, que tamén acudiron a prestar auxilio ao punto.

A mesma fonte indica que entre ambas había unha relación de parentesco, ao seren tía e sobriña.

No punto traballaron para prestar auxilio e reestablecer o tráfico a Garda Civil, o 061, Protección Civil e Bombeiros do Salnés, que acudiron coa súa dotación ao punto, pese a que finalmente non foi necesaria a súa intervención.