Fátima Abal: "Son a alcaldesa máis investigada de Galicia, pero hoxe remata este acoso"

A mandataria de Cambados fala sobre a denuncia que a mantivo catro anos baixo o foco da investigación
Fátima Abal. GONZALO GARCÍA
photo_camera A alcaldesa, Fátima Abal Roma, no Consistorio de Cambados, antes da súa comparecencia. GONZALO GARCÍA

Cos 50 folios da denuncia na man, compareceu este sábado a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, para falar por primeira vez sobre as causas que a mantiveron durante os últimos catro anos baixo o foco dunha investigación que, tal e como anunciou, vén de rematar, co arquivo definitivo das sete pezas que tiña abertas no Xulgado de Instrución, tras unha denuncia interposta en 2017. Abal, que se declaraba a si mesma "a alcaldesa máis investigada de Galicia", valorou abertamente o que calificou coma "unha campaña de acoso a base de mentiras, que foron caíndo unha tras outra". 

E é que as pezas da investigación incluían, tal e como desglosou, sete causas. A primeira delas, por prevaricación administrativa, en relación á licenza de obra outorgada á casa dos seus pais e sobre a que, dixo, "evidentemente non participei". A investigación tamén abrangue "malversación de caudais públicos polo pago dunhas horas extra, acoso laboral, lesións contra a integridade moral, inxurias e calumnias e revelación de segredos por un comentario en Facebook no que non aparecía ningún tipo de dato", explicou. Dentro destas, atópase tamén a denuncia efectuada por presunto trato de favor a un policía local, polo uso dun dos vehículos da flota, encadrada como soborno. Todas as denuncias, tal e como indicou a alcaldesa, foron efectuadas pola mesma persoa, un axente da Policía Local que traballa no Concello. Neste sentido, Abal referiuse a "claros intereses políticos" por parte do Partido Popular de Cambados e, asegurou, "houbo quen estivo detrás" destas denuncias "para tirar rédito político". 

Abal, que tamén se referiu a unha denuncia por branqueo de capitais que quedara inadmitida a trámite no Xulgado de Vilagarcía, asegurou que a denuncia que vén de ser arquivada responde "á que en realidade é a segunda campaña de acoso e difamación que se tratou de artellar contra min mesturando cuestións políticas con persoais. Pensaron que acosándome xudicialmente ía marchar do Concello e aguantei o tirón porque sabía que era inocente. Estar catro anos investigada é moito tempo. Non quero as desculpas de xente pouco exemplar nin de políticos de segunda fila que tratan de utilizar estas cuestións para conseguir o que non poden nas urnas. Pero quen me devolve a honra? Quen lle pide desculpas á miña familia?", lamentou, despois de facer referencia a 18.800 entradas en internet sobre a investigación, e outras 10.900 que asocian o seu nome coa palabra "imputada". 

A alcaldesa non quixo deixar de pasar por alto que "son a primeira muller que ocupa a Alcaldía en Cambados e pode ser que alguén entendera que podía asustarme ou manipularme", dixo, "pero hoxe teño máis ganas que nunca de ser a alcaldesa de todas as veciñas e veciños de Cambados, voten a quen voten. Síntome máis forte, acompañada e determinada", asegurou. Neste sentido, apuntou que "a miña honestidade e honra é un asunto incuestionable", e calificou o asunto como "vergoñento", unha "campaña de acoso construida sobre falsidades, manipulacións groseiras e acusacións repugnantes que nada tiñan que ver coa realidade". 

Abal tamén quixo deixar claro que os custes xudiciais da denuncia interposta en 2017, "que me afectou persoal, familiar e profesionalmente, e que só afectou á veciñanza na medida en que son alcaldesa de Cambados", foron sufragados íntegramente a título persoal. "Decidín asumir persoalmente todos os gastos, porque aínda que a denuncia tiña a súa razón de ser na miña condición de alcaldesa, as obsesións conmigo dunha persoa ou dun grupo de persoas nada teñen que ver cos intereses xerais de Cambados. Hoxe pasamos páxina, hai moito traballo por diante", engadiu.

Comentarios