Unha festa diaria no balcón de Luis

UNHA HISTORIA MARCADA POR UN VIRUS ▶Despois de pasar tres meses e medio en coma tras contaxiarse dun virus no quirófano, a vida do veciño de Sanxenxo Luis Vilavedra mudou para sempre. Agora dedica os seus esforzos a facer rir ao resto da veciñanza para amenizarlles o confinamento, unha cita diaria á que acude disfrazado e tambor en man

Hai moitos días que o aplauso das 20.00 horas se volveu toda unha festa para os veciños da Florida, en Sanxenxo. O veciño Luis Vilavedra non escatima en recursos para que así sexa. Un día saíu ao balcón disfrazado de unicornio e púxose a tocar o tambor. Dende entón, os aplausos incrementáronse, e a cita das oito pasou a ser a das oito menos cinco. "Cando miro pola ventá antes de saír a tocar vexo que hai moita xente que me está agardando", conta. Grazas á súa fazaña, agora, "nunha veciñanza onde ninguén se coñecía, os veciños falan entre eles e gozan xuntos da festa, e tamén os que veñen de fóra e están aquí estes días", explica.

A iniciativa de Luis tivo tan boa acollida que non quixo deixar aos seus veciños nin un só día dende entón sen a súa particular festa. Así, cada xornada inxenia un novo disfraz e toca algunha muiñeira do seu grupo de gaitas, ou algunha marcha das que aprendeu na mili, onde xa tocaba o tambor. "Estar encerrados é moi fastidiado, hai moita xente que o pasa mal, e moita xente que está soa. Eu sempre lles pregunto que tal están, para que collan confianza", explica Luis, que tamén vive só. "Non teño fillos, e gústame saber que así alegro aos outros. Os nenos pásano pipa véndome dende o balcón".

Luis é amable, faladeiro, e a cada fráse escápaselle un riso. "O meu reto na vida é facer rir á xente e alegrarlles a existencia. Se me chamaran para o circo, iría", bromea. Pero esta actitude foi algo que lle tivo que ensinar a vida. No ano 2006, cando tiña 33 anos, tras un accidente de moto, estivo tres meses e medio en coma por culpa dun virus do que se infectou nunha intervención quirúrxica. "Antes levaba outra vida. Era de madrugada e perdín o control da moto pola gravilla dun badén recén feito na estrada, e quedei inconsciente ao dar coa cabeza no chan". O resultado foron tres costelas rotas cravadas no pulmón, cun posterior derrame interno. "Infecteime no quirófano e entrei en coma", conta. "Paseino moi mal, e dende aquela cambiei de vida. Dinme conta de que estamos aquí dous días, e que non temos por que pasalos tristes. Agora procuro pasalo ben e facer que a xente o pase ben conmigo", asegura.

Un virus diferente foi o causante do éxito de Luis entre os veciños. Coa actitude necesaria para sacar algo positivo dunha situación difícil, prometeuse que esta pandemia non ía poder con el, nin coa xente que o arrodea. Por iso sae cada tarde ao balcón.

IMAXINACIÓN. Van varias xornadas e aínda non faltou a ningunha. A súa orixinalidade á hora de sorprender cada día á veciñanza é case tan potente coma as súas ansias de serlle útil aos que o arrodea, cun sorriso na cara.

O armario de disfraces de Luis non é unha casualidade. O feito de pertencer ao grupo de Entroido Os Fogueiras axudoulle a dar renda solta á súa imaxinación e a darlle unha nova vida a todos os atuendos que foran quedando gardados no fondo do armario. Garda Civil, Rambo, monxa, Spiderman ou unicornio foron algúns dos que luciu nas pasadas xornadas, e asegura que aínda lle quedan moitos máis por sacar ao balcón. "Teño moitas sorpresas máis preparadas", conta. Pois a súa imaxinación non ten límites. Ás veces trátase dun disfraz prefabricado, e outras veces xunta varios elementos para compoñer un vestiario. Así, os vindeiros días A Florida poderá velo vestido de bailadora galega, pirata, anxo ou mesmo do paiaso Fofó. E, como a corentena será longa, xa acordou cunha veciña que lle achegue máis material á porta da casa. O importante é innovar e, sobre todo, non perder a ilusón.

"Cando se trata de facer rir, non hai quen se me resista", di. E ten moreas de anécdotas que o demostran. "Antes tiñamos un grupo e iamos polas parroquias de Sanxenxo disfrazados para facer rir á xente, só a cambio da cea, non cobrabamos máis. Nunha ocasión estabamos facendo unha parodia de Pimpinela, e atopeime cunha señora á que non había quen lle arrancara un sorriso. Propúxenme facela rir a toda costa, e conseguino cun baile. Quedou chorando coa risa", lembra. Pois, a vocación humorística foi sempre tan grande para Luis, que mesmo se dedicou ao teatro e tamén fixo algún que outro monólogo.

Agora Luis só se preocupa por vivir unha vida sinxela e feliz, e por transmitir esta boa enerxía aos que o arrodean. E, para que as esperanzas non decaian, fixo unha promesa para o derradeiro día de corentena, un reto que mantén a expectativa nos edificios veciños: sairá a tocar en tanga.

Comentarios