"Este festival é fermosísimo e ten moito máis valor que Eurovisión"

A artista grovense Carolina Rubirosa faise co segundo posto no Liet International, o festival europeo de linguas minorizadas, coa súa canción 'O teu camiñar'
Carolina Rubirosa durante a súa actuación no Liet International. ALBERTE PEITEÁVEL
photo_camera Carolina Rubirosa durante a súa actuación no Liet International. ALBERTE PEITEÁVEL

"Este festival é fermosísimo. Para min ten moito máis valor que Eurovisión, porque aquí o que conta é a lingua, a identidade, a tradición... Pon en valor as diferenzas, a diversidade. É unha pasada". A grovense afincada na Coruña Carolina Rubirosa vén de acadar o segundo posto no Liet Festival Internacional, o certame europeo de linguas minorizadas que se celebrou en Dinamarca (horas antes que o Festival de Eurovisión).

"E quedamos a un punto da gañadora!", puntualiza, referíndose ao primeiro posto acadado por Doria Ousset, de Córsega. "Segundo me contou Eduardo Herrero, da Televisión de Galicia e membro do xurado, en trece anos de concurso nunca estivera tan rifado. Así que é un segundo posto que sabe a vitoria", recoñece.

Rubirosa xa fora seleccionada par o Liet Festival hai dous anos, pero a pandemia impediu que o certame se levase a cabo. "O festival celébrase cada dous anos. En 2020 seleccionáronme, pero non se puido facer. Algúns participantes interpretamos os temas, a través de Zoom, de xeito virtual, en 2021, pero nunha proposta que non era competitiva", conta a artista. "Para participar este ano houbo que repetir todo o proceso. Tendo en conta que ao xurado do certame lle chegan cancións de toda Europa, pensei que o tería moi difícil para volver ser escollida. Cantas veces pode pasarche o tren por diante? Síntome moi afortunada".

Se en 2020, Carolina Rubirosa foi seleccionada con Sozinha, agora foino con O teu camiñar, un tema que se escoitou en directo hai uns poucos días en Pontevedra, durante a presentación do Rías Baixas Fest. "É a canción oficial de promoción do Camiño Inglés, a ruta que empregaban os ingleses, irlandeses e escoceses, e que sae do Ferrol". Compúxoa en 2019 e xa recibira outro premio por ela en Aveiro (Portugal). "Escribina en 15 minutos na miña habitación e non para de darme alegrías. É a maxia da música, de algo tan pequeniño, ao final, pode saír algo moito máis grande".

"Aquí o que conta é a lingua, a identidade, a tradición... Póñense en valor as diferenzas, as diversidades"

THE NEW YORK TIMES. Carolina Rubirosa, artista inqueda que este ano publicará tres discos diferentes, Alén do mar (proxecto desenvolvido con diferentes poetas), Tierra de nadie (álbum propio) e Soldadeiras (froito dun premio recibido na Deputación da Coruña), conta que no Liet Festival conviven propostas apegadas á tradición con outras moito máis contemporáneas. Pero en todos os casos se mantén a lingua propia. "E que que sentido ten facer un festival como Eurovisión se despois a maioría dos participantes cantan en inglés? Tendo a riqueza que temos!", di sobre as diferenzas entre as dúas propostas. "Por iso penso que este outro festival está adquirindo cada vez unha maior importancia. De feito, saímos incluso no The New York Times!".

O xornal norteamericano dedicoulle unha ampla reportaxe ao certame deste ano na súa edición on-line. No segundo parágrafo menciona a actuación da representante galega, que foi recibida polo público cun "salvaxe aplauso", ao igual que xa o fora o candidato franco-provenzal. "Eu espero, de verdade, que este festival acade a repercusión que ten Eurovisión. Porque é unha forma moi bonita de poñer en valor a diversidade europea, unha riqueza que temos que coidar".