O Festival Revenidas, declarado de Interese Turístico aos seus 18 anos

A maiores da calidade dos grupos que conforman o cartel, a concesión deste distintivo baséase en que "xa é un evento totalmente consolidado"
Actuación en una embarcación durante una edición anterior del festival. REVENIDAS
photo_camera Actuación en una embarcación durante una edición anterior del festival. REVENIDAS

Coincidindo coa edición na que acada a maioría de idade, o Concello de Vilagarcía vén de declarar o Interese Turístico Local do Revenidas, o festival de Vilaxoán que este ano se celebrará do 7 ao 11 de setembro. A maiores da calidade dos grupos que conforman o cartel, a concesión deste distintivo baséase en que "xa é un evento totalmente consolidado, que contribúe a dinamizar a localidade vilaxoanesa e o conxunto do municipio, así como a conservar e potenciar a cultura mariñeira e tradicións populares como a Festa das Revenidas", a romaría en torno á degustación da sardiña, un produto historicamente ligado a Vilaxoán.

A proposta da Concellería de Turismo sinala como factor que avala o Interese Turístico Local "o valor que o Revenidas ten no marco da estratexia de promoción turística municipal" ao tratarse dun evento que "contribúe á desestacionalización da oferta por celebrarse fóra da tempada alta de verán e de forma independente á programación das festas patronais de San Roque".

Do mesmo xeito, destaca a orixinalidade do formato que, ademais dos tradicionais concertos de pago de todo festival, inclúe actuacións diurnas, tanto musicais como de ocio e animación, totalmente de balde e pensadas para o público familiar, así como mercado artesanal, andainas polo pobo ou rutas musicais en embarcacións tradicionais. Este recoñecemento súmase aos numerosos premios acadados polo festival.

Comentarios