O festival Revenidas de Vilaxoán celebra a súa 15ª edición

O evento intercultural terá lugar no porto mariñeiro os días 17,18 e 19 e contará coa actuación especial da coral da vila

As autoridades destacaron a importancia do certame como promotor da identidade galega. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera As autoridades destacaron a importancia do certame como promotor da identidade galega. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Vilaxoán presentou o mércores, no parque de Dona Concha, a 15ª edición do festival Revenidas, que se celebrará os días 17, 18 e 19. Ao acto acudiron a Presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a Concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía, Sonia Outón; o deputado de Cultura e Lingua da Deputación, Xosé Leal; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director de Revenidas, Xoan Quintáns, e o músico Xurxo Souto.

Sonia Outón asegurou que se trata dun festival intercultural que ten unha identidade propia, xa que "defende o noso idioma". Xosé Leal describiu o certame musical como "un punto de convivencia interxeracional que promove todas as linguas do Estado".

Segundo Carmela Silva, o evento é unha referencia non só na provincia, senón tamén a nivel nacional e internacional, que "fala do que somos, da nosa cultura, da nosa lingua e das nosas tradicións, e fai que a xente de fóra nos recoñeza".

Para Alberto Varela, o resto do mundo mira cara Vilaxoán durante unha fin de semana, grazas en gran parte pola óptima labor da organización e pola hospitalidade dos veciños da localidade.

Jacobo Sutil destacou a ampla variedade das actividades paralelas á festa e a diversa proposta musical de Revenidas. Tamén explicou aos presentes as accións que porán en marcha dende a Xunta a través de Fest Galicia, como a avaliación económica, social e comunicativa dos festivais que se agrupan baixo a marca, a través de enquisas.

O director do espectáculo, Xoan Quintáns, declarou que ao Revenidas achegaranse máis de 40 bandas galegas, do resto do país e internacionais. Ademais, haberá preto de 11 grupos con presenza feminina.

Quintáns tamén avanzou as principais novidades desta edición, como a gran aposta polo medio ambiente e a sostibilidade, mediante a reciclaxe e a reutilización dos envases, ademais da incorporación da tecnoloxía cashless como sistema de pago.

O actor e cantante Xurxo Souto anunciou a actuación sorpresa da Coral de Vilaxoán durante o seu concerto coa Banda Xangai, que se celebrará o domingo 19. Souto considera que este evento "non é un festival máis, trátase dunha extensión da festa tradicional de Galicia, que reúne a músicos emerxentes".

Os seguidores da música en vivo poderán gozar o día 17 dos concertos de Soziedad Alkoholika, Ayax y Prok ou The Real Mckenzies.

O sábado 18 actuarán El Drogas, Tremenda Jauría, Cuarta Xusta ou Glaukoma, entre moitos outros.

O día 19 será a quenda de Russkaja, Dakidarría, Banda Xangai, Zoo, Xavi Sarrià i el Cor de la Fera, El Diluvi ou The Dawlins.

As entradas xa están á venda na páxina web www.revenidas.com a un prezo de 35 euros o abono de tres días, e a 20 euros a entrada dun só día.

Comentarios