viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

Sen fibra e con caídas: preocupación na hostelería da Lanzada de cara ao verán

Responsables de aloxamentos turísticos da zona, afectados polos problemas con internet. RAFA FARIÑA
Responsables de aloxamentos turísticos da zona, afectados polos problemas con internet. RAFA FARIÑA
Responsables de aloxamentos turísticos piden unha solución un mes despois da última reunión. O hotel La Costera chegou a investir máis de 2.000 euros para potenciar internet

"Xa durante a Semana Santa tivemos varios cortes de internet, e estamos preocupados polo verán. É difícil traballar así, e a clientela o único que ve é que os hoteis non teñen o servizo, cando no noso caso fixemos un investimento interno de 2.000 euros para que funcione ben, pero a pesar disto non chega". Así explica o propietario do hotel La Costera, Miguel Vázquez, a situación xerada polos problemas coa conexión de internet que, na zona da Lanzada (Noalla), unha das máis turísticas do municipio, e que conta con numerosos aloxamentos, están a ser moi acusados.

Pero o seu caso non é o único. Entre A Lanzada e Major, os problemas derivados da falta de fibra óptica afectan a arredor de cinco campings e a entre 10 e 12 hoteis, tal e como explicaron dende o sector. No caso de La Costera, o sistema alternativo instalado no hotel supón unha factura mensual de máis de 100 euros só por este servizo, "mentres que a xente que ten fibra paga menos", explica o responsable.

Miguel Vázquez mostra o sistema alternativo instalado en La Costera. RAFA FARIÑA
Miguel Vázquez mostra o sistema alternativo instalado en La Costera. RAFA FARIÑA

O pasado mes de marzo, dende o Concello de Sanxenxo mantiveron unha reunión cos veciños afectados por esta problemática, para abordar unha situación que, tal e como aseguraron nese momento, é competencia "do Goberno de España", toda vez que o Concello é o encargado de poñer a disposición as canalizacións, tarefas nas que xa se vén avanzando dende hai varios anos. De feito, en 2019 procedeuse a dotar de cableado a esta zona, á par que se instalaron as novas beirarrúas. Tal e como lembraron os afectados, o Concello realizou un estudo sobre o tema hai un ano, se ben. especialmente os hosteleiros da zona, colectivo que aglutina un gran número de hoteis, campings e outros aloxamentos turísticos, ven con preocupación o "estancamento" das accións ante a inminente chegada da tempada estival, coa conseguinte demanda turística de servizos como unha boa conexión de internet que, en moitos casos, os aloxamentos non están en disposición de ofrecer, coas conseguintes queixas derivadas por parte dos hóspedes.

"Hai moitas carencias neste sentido, e necesitamos que nos boten unha man. Hai zonas do rural que xa teñen fibra, mentres que unha zona turística coma A Lanzada, con tantos hoteis e aloxamentos, segue sen ela", asegurou Vázquez. Na zona de Noalla, Telefónica e R son as operadoras que están a despregar o servizo, do que carecen aínda importantes zonas do municipio, a pesar de que a maior parte de vivendas xa dispoñen de banda ancha. De feito, prevese que algunhas zonas de Noalla, no entorno da Lanzada, poidan finalizar o despregue este ano, entre outros lugares do rural.

O Concello tamén presentou alegacións para outros puntos do municipio que quedaron fóra dos Plans de Expansión de Banda Ancha, co obxectivo de que se teñan en conta o vindeiro ano, como son Gondar de Arriba, Contumil e A Revolta (Nantes), e varios lugares de Noalla coma Os Caseiros, Codesal, Salgueiro de Mato, Iglesia, Cova de Pazos, Tramalleiro, O Pombal, Mourelos, Quintáns, Telleiro ou Fonte de Ons.

Sen fibra e con caídas: preocupación na hostelería da Lanzada de...
Comentarios