Diana Názara, directora do CIM de Sanxenxo

"Os fillos ás veces son a escusa e deben ser a motivación para saír da situación de violencia"

O conto infantil Violeta e Mariño é o resultado do traballo en equipo da directora do CIM, Diana Názara; a asesora xurídica, Beatriz Carrera, e a ilustradora Yolanda Martínez. Un proxecto novidoso que axuda aos cativos a rachar cos tabús da violencia de xénero, e que está a ter un grande éxito nos centros educativos.
Diana Názara e Beatriz Carrera, este mércores, durante unha sesión de contacontos en Sanxenxo. DS
photo_camera Diana Názara e Beatriz Carrera, este mércores, durante unha sesión de contacontos en Sanxenxo. DS

Como xurdiu o de darlle vida a Violeta e Mariño?
O ano pasado dende o CIM fixen uns contacontos nos CEIP sobre violencia de xénero, e non atopei libros para nenos escritos en galego onde se fale de violencia de xénero. Atopei de igualdade, pero non de violencia de xénero nun fogar específicamente, que é un tema delicado. Pareceume unha iniciativa novidosa, e así comezamos.

Precisamente, esta historia diferénciase en que está ambientada nun fogar...
Si, o que pretendiamos é que fora un conto real onde calquera neno se puidera identificar con Mariño ou con Violeta e que soubera, non normalizar, porque a violencia de xénero non se pode normalizar, pero si romper o tabú do que está pasando na casa, que saiba que se chama así, que hai un lugar específico onde poden axudar ás nais, e que non é un problema de nenos, pero que poden falar con adultos de confianza sobre o que está pasando na casa, porque tamén o sofren eles.

O obxectivo é que consigan falar disto?
Rachar o tabú da violencia de xénero. Que se saiba que existe, que pasa en moitísimos fogares, que os nenos e nenas saiban que non lles pasa a eles sós e que sempre teñen que comunicarse. Poñer o foco no problema e que os nenos sexan importantes, que saiban os recursos que hai.

As autoras percorreron todos os colexios de Sanxenxo con sesións de contacontos e están a recibir peticións de toda a provincia

Aínda que é un conto de nenos e nenas, tamén é para adultos...
En cada páxina intentamos traballar moitas cousas de xeito sutil. Está a igualdade, como piar fundamental de prevención, os xoguetes e as cores, que non teñen xénero, os mitos asociados a nenos e a nenas e tamén hai un aceno ao colectivo LGTBI con Rilo e Ron, que son os tíos, unha parella de persoas homosexuais. Intentamos incluir un pouco de todo, pero sen que pareza un manual. E en cada páxina explicamos nun recadro que é o que estamos a traballar, para que o profesorado e as persoas adultas poidan utilizalo  coma unha guía.

Como foi o proceso de creación dos protagonistas, Mariño e Violeta?
Cando Yolanda nos presentou as ilustracións non tivemos ningunha dúbida. Ao texto en cambio démoslle moitas voltas, porque non queriamos cousificar ás mulleres. As mulleres non son bolboretas, e non queriamos caer nese erro. Precisamente, á bolboreta, que acabou sendo unha protagonista máis do conto, custounos atopala, pero finalmente demos con ela. No que respecta a Violeta, non queriamos que parecera unha nena que estivera sempre corrixindo a todo o mundo, e iso fómolo corrixindo. A Mariño, que é máis pequeno, aínda que ten cousas normalizadas como xogar con xoguetes asociados tradicionalmente a mulleres, cústalle asimilar máis as cousas. Coidamos todo ao máximo para dar unha imaxe acertada, sen caer en erros, e por iso levou tantísimo traballo. Creo que a mensaxe está clara e os valores tamén, e estamos orgullosas.

O libro está a ter moito éxito. Como reaccionan os nenos e nenas?
Están moi atentos e creo que o entenden, e por iso estou moi contenta. É moi complicado explicarlles que é a violencia de xénero, e entón eu collín de referencia á miña filla, que ten cinco anos, e foi algo que sempre tivemos presente, cómo explicarlle isto a un neno, aínda que sexa pequeniño. Os máis maiores entenden xa a outro nivel e nótase nos razoamentos e nas respostas. Moitos falan con total normalidade da separación dos pais e nais e algún chegou a dicir que seu pai portábase mal con súa nai. Outros son capaces de identificar que isto pasoulle á nai de nenos que coñecen, e eu sei que é certo porque levei eses casos.

Que lle diría a esas nais e a eses nenos?
Que non teñen a culpa e que hai saída, o mellor que pode pasar é a separación. Os fillos ás veces son a escusa e deben ser a motivación para saír desa situación, para que non medren arrodeados de violencia. En canto a situación de violencia de xénero remata e as mamás están mellor, os nenos tamén adoitan estalo porque tenden a adaptarse moito mellor.