Fin de estío musical en Arousa co inicio do Revenidas 'en conserva'

► Descúbrense os primeiros nomes da edición reducida do festival de Vilaxoán

▶ Guadi Galego actúa este venres ás 22.00 no Parque da Xunqueira, dentro do programa Musigal da Deputación

Festival Revenidas de Vilaxoán durante una actuación de La Raíz nunha edición anterior. ADP
photo_camera Festival Revenidas de Vilaxoán durante una actuación de La Raíz nunha edición anterior. ADP

Aínda que en formato reducido, o Festival Revenidas, xa unha data marcada na programación cultural de final de verán, celebrarase os vindeiros días 10, 11, 12 e 13 de setembro na localidade costeira de Vilaxoán de Arousa.

Esta edición ‘en conserva’ combinará actividades de balde, vencelladas ao territorio e á cultura mariñeira e popular da vila, con catro concertos de pago, cuxos artistas foron confirmados o pasado xoves.

Así, o venres 11 os asistentes poderán gozar das letras de Sés e do folk e blues/rock de Zeltia Irevire. mentres que o sábado 12 será a quenda da cumbia de Ortiga e do compromiso de Dakidarría en acústico.

Tamén terán oco nesta particular edición as habituais demostracións culinarias, os roteiros e os espectáculos de circo, que completan a programación.

Por outra banda, a organización do festival quixo premiar a aqueles que decidiron conservar a súa anterior entrada de cara ao 2021, poidendo acceder desde onte e até o martes 25 ás 12.00 horas a unha prevenda con desconto para os seus tickets do ‘Revenidas en conserva’. Desde ese día, todo o público xeral poderá adquirir tamén unha entrada na páxina web do festival, até completar o aforo de 500 asistentes.

Porén, os que xa tiñan ganas de desfrutar de música feita por artistas do país e buliron para conseguir a súa entrada antes de que se esgotaran, teñen unha cita este venres, ás 22.00 horas no parque da Xunqueira de Vilagarcía, con Guadi Galego. A artista érguese actualmente como unha das figuras máis relevantes do panorama musical galego, tendo sido recoñecida en múltiples ocasións pola crítica, tanto do país como do estado, e polos galardóns, recibindo en 2016 o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor.

O concerto enmárcase no programa cultural da Deputación de Pontevedra, ‘Musigal 2020’, que ten como obxectivo contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística nos concellos da provincia.

Comentarios