Besada: "Fomos a única confraría de Galicia que non tivo que facer ningún ERTE"

Juan José Besada enfronta a revalidación con vocación de continuar "mellorando pouco a pouco" 
Juan José Besada. GONZALO GARCÍA
photo_camera Juan José Besada. GONZALO GARCÍA

Un non parar. Así foi o primeiro día de Juan José Besada dende que o sábado revalidou o cargo de patrón maior da Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo, e que atende esta entrevista dende o porto, ao que tivo que acudir para realizar unhas reparacións na fábrica de xeo en pleno domingo. "Isto é o que algunha xente non pensa", di, atarefado, mentras comenta o que implica, a maiores, ter un cargo así nun colectivo coma este. "Estes últimos tres meses de axuste da máquina nova paseinos practicamente vivindo no silo", di.

Que supuxo revalidar o cargo despois destes meses de incerteza?

Se se presentase alguén que realmente quixese facer este traballo eu non tiña ningún problema en rematar a lexislatura e dar paso a unha persoa nova, que de feito vai ser o que vai pasar dentro dun ano e medio. Pero isto das dimisións dalgúns dos membros da xunta xeral foi cousa dun enfado dunhas persoas que ao mellor non pensaron ben o que estaban facendo. Creo que se deron conta do que había, e de que non paga a pena meter en líos á confraría. Eu moitas veces non falei por non quería meter máis lío enriba.

Ve necesario facer unha auditoría na confraría, tal e como defende o sector crítico?

Nós xa estamos auditados por unha empresa que mira todas as contas. Eu non podo mercar nin vender absolutamente nada sen que dende esa xestoría, que leva á maioría das confrarías de Galicia, den o seu ok. É que non me atrevo. Hai uns anos a confraría tivo problemas con alguén que levou cartos de aquí, nós non podemos mover nada. De feito, algunhas cousas que non estaban correctas cando entramos cambiáronse, e púxose todo baixo a supervisión desa xestoría, que é como se fixera unha auditoría continua. Para as contas non fai falla facer unha que pode custar ata 15.000 euros, cando xa nos supervisa unha empresa coma esta, e co trastorno engadido que suporía recopilar todos os papeis da confraría que teñen tantísimos anos. No arquivo unha vez entrou auga e a metade deses papeis desapareceron. E xa non é pereza, é que son uns cartos que precisamos nestes momentos porque levamos dous anos en horas moi baixas, nos que non hai peixe do cerco e perdemos dous barcos moi importantes.

Que lle diría ao sector crítico?

Temos que empurrar todos xuntos polo ben de toda a confraría para que se poidan facer as cousas ben, sen dar vinte mil voltas para ao final deixar todo como estaba. Eu falei con eles e están preocupados porque ao dimitir quedaron fóra da xunta directiva. Xa lles dixen que cada vez que queiran facer unha reunión para que veñan armadores que non están dentro, non teñen máis que pedila e faise, para que eles tamén se enteren das cousas. E por suposto, non só teñen a porta aberta, senón que xa están dentro e por iso non hai nungún problema. Todos temos intereses comúns.

Como afrontou este periodo de inestabilidade?

A maior preocupación foi nas dúas últimas semanas de decembro porque non había quen firmase os pagos. Houbo unhas semanas terribles porque non se foi ao mar e non se cobrou, pero esa foi a parte máis difícil. Abstívenme de ir ás reunións para non xerar problemas. O máis traballoso foi o periodo de cambio da maquinaria da fábrica de xeo, que foi do que máis pendente estiven. Deste cargo, ás veces o que máis esforzo implica é dar a cara coa xente e as institucións.

Que suporá a renovación do cargo a partir de agora? Cales son os obxectivos a continuar?

Hai cousas que estamos intentando facer, como ter caixas para que os mariñeiros deixen o peixe e logo non teñan que baixar a vender. É algo que se está xestionando coas compradoras, pero teñen que poñer da súa parte. Tamén se plantexou mudar a oficina na que estamos agora para a lonxa, porque sería máis operativo, pero non podemos deixar este edificio totalmente baleiro e abandonado. Xa nos custa traballo manter o que temos na parte de arriba, que ao non estar usado ten problemas de humidades e augas. Son cousas que hai que ir facendo pouco a pouco.

Temos que empurrar todos xuntos polo ben da confraría, sen dar vinte mil voltas para ao final deixar todo como estaba

Cal será a postura da confraría este ano para a habilitación de aparcamentos do varadoiro?

É unha destas cousas que temos que negociar co Concello todos os anos. Iso é un varadoiro e nós utilizámolo, tamén o Náutico e outras empresas. En todo Sanxenxo non hai varadoiro máis grande nin máis operativo que o noso, e nós non temos problema en que se utilice como aparcamento a partir de xullo porque os barcos están traballando, pero en maio e xuño, e parte de xullo, todos os barcos están varados, incluso os de recreo que tamén varan nesa época para limpar, pintar e poder estar traballando no verán. Aínda así todos os anos se chega a un acordo e esas 200 e pico prazas alivian un pouco o pobo no verán. Imos negocialo.

Como valora o actual funcionamento da confraría?

Todo o mundo cando chega pensa que se poden cambiar moitas cousas, pero cando comezas a traballar e a xestionar, daste conta de que hai cousas que funcionan así por algo. Fomos a única confraría de Galicia que non tivo que facer ningún ERTE, e incluso contratamos a unha persoa máis. Con esa persoa comezamos a facer vendas que antes non podiamos. Unha moi importante que temos agora é a do ourizo, nunha tempada na que podemos estar metendo entre 300.000 e 400.000 euros que antes non tiñamos. Sei que se pode facer mellor, e igual hai xente con mellores ideas, pero aínda así este ano de pandemia saímos adiante e chegamos a final de mes, cando outros non puideron.

Cal é a necesidade máis urxente?

Que este ano haxa peixe do cerco e que se poida comezar a traballar como anos atrás. O ano pasado foi moi malo, non houbo peixe na ría e por tanto non houbo vendas. Polo demais queremos seguir funcionando e resolverlle os problemas aos socios, que é para o que estamos.

Comentarios