O PSdeG conmemorou onte os quince anos da incautación do Pazo de Baión das mans do seu titular, o narcotraficante Laureano Oubiña, cun acto nas portas do inmoble que contou coa presenza do secretario xeral dos socialistas galegos, González Formoso; o ministro de Sanidade, José Miñones, ademáis dos candidatos ao Congreso e o Senado Carmela Silva, David Regades e Modesto Pose, e a presidenta de Érguete, Carmen Avendaño.
Formoso lembrou que a incautación do pazo fíxose cun goberno encabezado polo socialista Pérez Touriño, "que fixo o que tiña que facer". Calificou este espazo coma "un símbolo dunha loita de toda unha sociedade contra a lacra da droga", encabezada "pola referente Carmen Avendaño", e reclamou "activar todas as medidas que o sistema permita para convencer a toda a sociedade de que esta lacra crece". As súas palabras foron corroboradas por Avendaño que esixiulle ás administracións "que poñan todos os medios para que as drogas deixen de entrar en Galicia". Advertiu tamén que a comunidade autónoma galega "segue a ser un foco de entrada destas substancias, como evidencia a incautación de 22.000 quilogramos de cocaína só no ano 2022".
Na súa intervención, a candidata ao Senado Carmela Silva emprazou directamente ao candidato do PP á presidencia e ex presidente da Xunta, Núñez Feijóo a "pedir, perdón, darnos explicacións e falarlle ás familias que perderon tantas fillas e tantos fillos" pola súa relación co narcotraficante Marcial Dorado.