A fusión musical protagoniza Os Xoves De Códax

A VII edición do ciclo de concertos celebrados nas Bodegas Martín Códax en Cambados reúne a artistas galegos e a músicos internacionais

O grupo Translations actuou con La Negra y el Panki rodeados de varias decenas de espectadores. DAVID FREIRE (Os Xoves de Códax)
photo_camera O grupo Translations actuou con La Negra y el Panki rodeados de varias decenas de espectadores. DAVID FREIRE

EN MARTÍN CÓDAX , non imaxinan o verán sen música. Se a estes dous compoñentes lles sumas o viño e o solpor arousán propio da temporada estival, o resultado é inigualable.

Ás coñecidas bodegas cambadesas achéganse cada xoves de xullo e agosto, ás 20.30 horas, algúns dos mellores artistas de Galicia, que comparten escenario con grandes autores do panorama internacional. O obxectivo é combinar diferentes estilos como son o indie, o folk, o jazz, o flamenco, o bravú e as músicas brasileiras e cubanas para conseguir unha fusión de culturas coa comarca do Salnés de fondo.

A 7ª edición dos Xoves de Códax comezou o día 5 coas actuacións de Guadi Galego e Iván Ferreiro, músicos da terra referentes no mundo indie e folk.

Este xoves foi o turno da variedade flamenco-jazz, da man do quinteto Translations acompañado de La Negra y el Panki. As dúas formacións ofreceron un espectáculo no que se adentraron tamén na música negra, no pop e nos boleros.

O próximo xoves actuarán Uxía Senlle, procedente do municipio vigués de Mos, e o compositor madrileño Depedro, que se unen por primeira vez polas súas afinidades musicais.

A proposta de agosto das Bodegas Martín Códax iníciase o día 2 co concerto do grupo galego Banda Xangai, especializados no estilo de rock rural, o chamado bravú. Os músicos obsequiarán aos presentes con muiñeira, punk, merengue ou hip-hop.

O día 9 chegará á terraza da adega a voz con máis influencias musicais de Galicia, a cantora compostelá Najla Shami. A artista parte da música tradicional para ir conquistando o funk e o word music, achegándose a sonoridades brasileiras que trae a banda Forro Mior.

O son cubano tamén terá presenza neste programa coa intervención, o día 16, de Alejandro Vargas e Pancho Amat. A xornada do día 23 contará coa banda multicultural Jenny and The Mexicats.

Comentarios