Un futuro moi doce para Ana con ingredientes ecolóxicos e de quilómetro cero

Xílgara, palabra que remite aos paxaros que colonizaban hai anos a praia de Silgar
Ana Salomón amosa as galletas que forman parte do seu proxecto. DAVID FREIRE
photo_camera Ana Salomón amosa as galletas que forman parte do seu proxecto. DAVID FREIRE

Xílgaro, dise do paxaro da familia dos frinxílidos, de cor parda no lombo, co rabo e a cabeza brancos e negros, as ás tamén brancas e negras cunha franxa amarela e a cara vermella. Así o define a RAG e, na súa acepción feminina, dá nome ao proxecto empresarial co que Ana Salomón Caneda (Sanxenxo, 1977), vén de gañar o premio Depoemprende, da Deputación de Pontevedra, na categoría de ciclo medio. Convenceu ao xurado co seu plantexamento, viabilidade e coherencia. Alumna do CIFP Carlos Oroza, está a piques de rematar o CM de Panadaría, Repostaría e Confeitaría.

A idea, explica, xurdiu como traballo da materia Empresa e Iniciativa Emprendedora, como unha posibilidade real que suporía tamén unha saída laboral. "Moita xente fixo panaderías pequeniñas especializadas, por exemplo para celíacos, pero eu decidín elaborar doces artesanais inspirados en receitas tradicionais da zona. A miña idea é, ademais, elaboralos con ingredientes de proveedores de quilómetro cero e ecolóxicos".

O premio, de 700 euros, inclúe asesoramento para poñer en marcha a empresa, desde "o papeleo que necesitas para empezar, a coñecer outra xente que che poida axudar en todo o proceso, a solicitar subvencións...". De feito, está pendente de recibir unha axuda a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia (GDR) coa que espera darlle un pulo ao proxecto.

EN PARADELA, MEAÑO. Grazas a que conta cunha propiedade en Paradela (Meaño), cun local de 100 metros cadrados no que montará o seu obrador, e espazo para horta ecolóxica, Xílgara está empezando a materializarse máis aló dunha idea sobre o papel. "Este ano foi un pouco difícil, entre os estudos, a pandemia... Todo influíu para que non puidera avanzar demasiado". 

Pero que ofrece Xílgara? "Falei con moita xente, xa retirada, que sempre se dedicou a panadería e pastelería. Rescatei receitas, aínda que eu, grazas ao coñecemento adquirido neste ciclo, fun modificando as fórmulas ata chegar ás recetas finais e non descarto volver darlles outra volta". O obxectivo de Ana é facer "un produto de calidade, baseado en fórmulas de antano". Está convencida de que "aquí hai mercado", aínda que "obviamente, ao ser eu de Sanxenxo, aproveitarei tamén para que os turistas o merquen, pero é para todos". 

Se algo teñen en común todas estas receitas é ser moi saborosas para o padal. "Teño unhas galletas, outro producto cunha masa parecida a das rosquillas co glaseado, unha bola de tona como facían as avoas, coa tona que recollían do leite, aqueles biscoitos pesados; e tamén uns barquillos de Portonovo, pois alí se elaboraron sempre os orixinais que se vendían na praia de Silgar. Só que os meus levan chocolate". 

O apego pola gastronomía venlle de familia. "Miña nai ten unha man moi boa para a cociña e sempre fixo empanadas por encargo. Nunca estudiou Cociña, pero estivo traballando en Francia, en Asturias, en Madrid... Máis tarde, ao estudiar eu, deime conta de que miña nai sabía moitísimas cousas que eu aprendín nas aulas". 

Quero facer doces artesanais inspirados en receitas tradicionais da zona, con ingredientes ecolóxicos de proveedores de quilómetro cero

DE FAMILIA. Sempre lle gustou a cociña e traballado en hostelería ("en Sanxenxo, case todo mundo pasa antes ou despois por isto"), pero o xérmolo, conta esta emprendedora, remóntase a non hai moito tempo, grazas a un obradoiro de emprego da Mancomunidade do Salnés. "O profesor díxome que podería convalidar o título facendo algunha materia que me faltaba. Aí foi cando me matriculei no ciclo no Carlos Oroza". A piques de rematalo, ten previsto matricularse no de Cociña para convalidar as materias comúns e lograr ambos títulos. Mesmo grazas á súa experiencia laboral previa podería contarlle xa como as prácticas que completan a formación no centro educativo.

Os estritos protocolos derivados da pandemia dificultaron a realización de proxectos en equipo. "Aínda tivemos sorte na nosa clase, que non houbo infectados e non tivemos que traballar desde a casa, que costa máis". As previsións para que Xílgara sexa unha realidade pasan por abrir o obrador en 2022, "aproveitando que se alonga o Ano Xacobeo".

Pero que teñen que ver os xílgaros coas gallegas e os barquillos? "É polo nome da praia de Silgar. Hai moitísimos anos os paxaros que colonizaban a praia eran os xílgaros. De aí saíu xílgara. Gustoume, porque forma parte da historia do meu pobo".  

Outra parte da filosofía do proxecto é "potenciar a vida na aldea". Nun futuro gustaríalle contratar a algunha persoa e contribuir a fixar poboación no rural. "Preocúpame e dáme moita pena que a xente marche das aldeas. Que grazas ao meu posto de traballo puidera facer que alguén quedase a vivir no rural sería fantástico". 

Preocúpame e dáme pena que a xente marche das aldeas; oxalá eu puidera crear emprego que axudase a fixar pobación no rural

"Nunca é tarde para emprender, nin tampouco para formarse»"
Ana Salomón ten moi claro que "nunca é tarde para emprender, nin tampouco para formarse. Aquí estou eu, con 44 anos". Por iso anima a todas aquelas persoas "que igual están dubidando", que non están contentas coa súa vida e non saben como lanzarse a cambiala.
"Unha formación serve para prepararte e poder ter outra visión". Aínda que a maioría do estudantado de institutos como o Carlos Oroza son mozos e mozas, "cada vez máis, xente cunha idade que se supón que non é a de estudar, tamén se está a preparar. Nunca é tarde para facelo". 

Comentarios