"O Goberno e o BNG temos prioridades completamente distintas para Sanxenxo"

As mámoas de Nantes, As Telleiras en Vilalonga, Dorrón ou Bordóns son algúns dos emprazamentos que "hai que poñer en valor", segundo a voceira do BNG en Sanxenxo Sandra Fernández , que non dubida en criticar as "políticas aberrantes" levadas a cabo polo Goberno local
Sandra Fernández nas inmediacións do local do BNG en Sanxenxo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Sandra Fernández nas inmediacións do local do BNG en Sanxenxo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo, encabezado por Sandra Fernández, avoga por unha política que se centre "na veciñanza" nun mandato no que "Telmo Martín non conta nin co seu equipo".

Como está vivindo o BNG o que levamos de mandato en Sanxenxo?
Como non cambiou o alcalde case podemos valorar os tres últimos anos, aínda que neste mandato está sendo moito peor. Así como ao non ter a maioría absoluta antes o Goberno esforzábase un pouco máis a nivel comunicación, agora nótase un cambio a peor. Politicamente seguimos sen ter nada que ver, e está sendo bastante frustrante ver como nada lle pasa factura a este Telmo Martín. Nin as sentenzas, nin as protestas polo tráfico, nin que nada do que está levando a cabo saia ben, coma o centro cultural do Revel ou o clube de piragüismo. Ou todo lle resbala, ou non lle interesa que as cousas saian ben.

Vostede ten experiencia no Concello xa dende 2007. Como reacciona ante isto como oposición?
Tanto no Goberno como na oposición, considero que sempre fixen unha política construtiva e responsable. Imos seguir con esa liña, aínda que é certo que o tema de sacar á luz certas políticas do Goberno que nos parecen aberrantes e que logo non teñen repercusión na opinión pública fai que dalgún xeito teñamos que renovarnos para facer frente. Agora incorporamos a xente nova que nos axuda a seguir construíndo.

"Telmo Martín tivo a sorte de que o tripartito saneamos as contas cando estaban en menos catro millóns, e agora dedícase a gastar"

Cales son esas "políticas aberrantes"?
Eu sempre poño en corentena todo o que ten que ver con Telmo Martín. Foi alcalde en 1999 e por culpa das políticas que levou a cabo houbo sentenzas importantes para o Concello que saíron do peto dos veciños e veciñas. Falo tamén das praias de Carabuxeira e Lavapanos, que seguen sen estar rexeneradas por culpa do exceso da construción do porto deportivo, ou de prometer dous colexios no 2005 e que esteamos no 2020 e aínda non teñamos ningún. O último é a sentenza de Rocafort. É inminente ter que pagar unha cantidade moi importante, cando el en campaña dicía que non ía custar nada. Neste verán o Maestral Festival non puido estar peor xestionado e o do tráfico xa é o último, porque está sendo caótico.

Que lle agarda a Sanxenxo a partir de agora?
Telmo Martín tivo a sorte de que o tripartito saneamos as contas públicas cando estaban en menos catro millóns de euros, e deixámolas cun superávit de millón e medio. Entón dixo: A gastar! Poderíanse facer moitas cousas boas para o cidadán, pero el seguirá a gobernar para o turista. No inverno tamén hai que dar alternativas de ocio, pensando tamén na xente nova.

"As praias de Carabuxeira e Lavapanos seguen sen estar rexeneradas por culpa do exceso da construción do porto deportivo"

Cre que a veciñanza está abandonada polo Goberno local?
A nivel comercial está todo morto, incluso Vilalonga, Portonovo ou o propio Sanxenxo. A nivel cultural todo se centra na Praza dos Barcos, cando nós temos achegado a cultura ás parroquias, incluso no Nadal. Temos mámoas en Nantes, vistas en Dorrón e Bordóns. e As Telleiras en Vilalonga. Hai que poñer en valor as parroquias e coidar o xeito de restaurar ou facer publicidade. Temos prioridades completamente distintas. Para nós é prioritario o benestar e a calidade de vida do veciño, do peón e do neno e da nena. Para Telmo Martín a prioridade é que falen ben del en Madrid. Preocúpame que logo destes tres anos haxa que desfacer todo o que se fixo mal.

Comentarios