O Goberno local de Sanxenxo avanza "resultados en breve" para revalorizar Chan da Gorita

A tenente de alcalde garantiu que os traballos seguen na axenda do Concello, mentres que a oposición pediu investimentos durante o debate plenario dunha moción que non prosperou
Andarela levou a cabo un roteiro para visibilizar o patrimonio de Chan da Gorita esta fin de semana. A.A.
photo_camera Andarela levou a cabo un roteiro para visibilizar o patrimonio de Chan da Gorita esta fin de semana. A.A.

A agardada recuperación e posta en valor do conxunto megalítico Chan da Gorita, situado no entorno de Nantes, e que conta con mámoas de arredor de 4.000 anos de antigüidade segundo as últimas estimacións, chegou ao Pleno desta semana. Fíxoo no medio dun debate a raíz dunha moción presentada polo grupo do PSdeG-PSOE que, sen embargo, non chegou a prosperar, cos votos en contra do PP, e no que a tenente de alcalde, María Deza, saíu ao paso das acusacións manifestando que "en breve coñecerán o resultado dos traballos que se están facendo por parte da Concellería de Educación e de Medio Ambiente".

Neste sentido, a tenente de alcalde, que xunto cos edís responsables de ambos departamentos lembrou que o tema xa se abordou coa asociación responsable da petición, Andarela, durante unha reunión anterior, asegurou que "os traballos que veñen derivados desa reunión non se fan de hoxe para mañá", se ben asegurou que "por parte do concelleiro de Medio Ambiente fixéronse varias actuacións", e que se "puxo en contacto con especialistas para poder indicar a ubicación e todo o tema da toponimia", segundo se recolle na petición do colectivo. Tal e como explicou Deza, todas as peticións formuladas a través da moción "faláronse na reunión e puxéronse en marcha para facer o que estaban solicitando", se ben a edil considerou que este tipo de actuacións "non poden quedar só no Chan da Gorita, senón tamén en Monte Faro, no propio xacemento da Lanzada, e en todos os recursos do Concello".

A edil do PSdeG-PSOE, Ainhoa Fervenza, quen presentou a moción, criticou duramente a posición do Goberno local, ao que acusou de "mentir". "No creo que llegue a más de 15.000 euros hacer una actuación en Chan da Gorita, y les pueden valer las estacas que usaron en Silgar", criticou.

Tanto BNG, como Ciudadanos e SAL mostráronse favorables á proposta, para a que pediron investimentos. "Estamos perdiendo una oportunidad a la que deberíamos dedicar tiempo y dinero", manifestou Vanessa Rodríguez (Cs).

Comentarios