O Grove cumpre un soño de 43 anos coa inauguración do auditorio

A presidenta da Deputación e o alcalde da vila meca valoraron esta nova instalación como "unha das mellores de Galicia"
Aspecto do novo auditorio durante a inauguración coas autoridades na primeira fila de butacas. DP
photo_camera Aspecto do novo auditorio durante a inauguración coas autoridades na primeira fila de butacas. DP

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, afirmou que O Grove conta dende este venres cun dos grandes auditorios de Galicia. Foi durante a cerimonia inaugural celebrada na vila meca, na que acompañou ao alcalde da localidade, José Cacabelos Rico. A obra, cofinanciada a través do Plan de Reequilibrio e polo Plan Concellos cun total de 2 millóns de euros de achega provincial, alcanzou un orzamento de 5,1 millóns de euros, diferencia que foi asumida integramente polo Concello.

Carmela Silva afirmou sentirse "inmensamente feliz porque a Administración provincial sexa copartícipe na construción deste novo auditorio que é un dos mellores e máis fermosos de Galicia". Feliz tamén, engadiu, "porque a xente ten o dereito a gozar de equipamentos culturais que enchan de actividade cultural todos os territorios", o que, na súa opinión, é a única forma de democratizar a cultura. A presidenta da Deputación expresou a súa satisfacción "por comprobar que os soños poden converterse en realidade cando se loita por eles" e a felicidade que dá contemplar a beleza deste auditorio, "situado sobre unha vila que namora e que, ademais, está de cara ao mar, que é a nosa vida".

José Cacabelos destacou que "é un deses días para os que me metín en política, un día que reconforta". O alcalde amosouse satisfeito de poder poñer a disposición do seu pobo un dos auditorios "máis modernos e funcionais" e que, polo seu deseño, permitirá a celebración de todo tipo de actos adaptando os espazos interiores.

Ademais recordou que o Auditorio forma parte dos programas electorais de tódolos partidos dende as primeiras eleccións democráticas municipais en 1979. "Tódolos partidos prometían este auditorio dende hai 43 anos; por fin é unha realidade".

Comentarios