O Grove nomeará Fillo Predilecto a Javier Olleros pola súa segunda Estrela Michelín

Javier Olleros. DP
photo_camera Javier Olleros. DP

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, ven de anunciar a intención do Goberno local de nomear a Javier Olleros, propietario e chef do restaurante Culler de Pau, como Fillo Predilecto do municipio.

Cacabelos comunicoulle durante a mañá deste martes a Olleros e ao seu equipo a proposta, que se levará próximamente a Pleno extraordinario, tras coñecer o logro acadado por Olleros ao conseguir a segunda Estrela Michelín para o seu restaurante. Cacebelos calificou o logro do chef, que se puido coñecer durante a xornada do luns, de "espectacular". Neste sentido, o restaurante grovense Culler de Pau convértese no primeiro local de Galicia en conseguir dúas Estrelas Michelín.

O alcalde, que quixo expresar a Olleros a súa noraboa, asegurou que o a distinción "non é só un recoñecemento do seu bo facer, senón que supón un verdadeiro éxito para toda a veciñanza do Grove, que ve como a tradición hosteleira e a espectacular calidade dos produtos da localidade son recoñecidos a nivel internacional". Segundo indicou Cacabelos, Javier Olleros pon "ao Grove no mapa mundial da gastronomía e considérase de xustiza que os veciños e as veciñas así llo recoñezan cun nomeamento que, sendo honorífico, o confirma no seu papel de embaixador do Grove no mundo".

Olleros define a súa cociña como "limpa, comprometida, saborosa, galega, sá, honesta, con sentimento e razoada, pero moi intuitiva", e non só cociña co mundo vexetal e mariño do entorno, senón que traballa con productores para recuperar especies.

Comentarios