María Sabarís: "Gústame vivir fóra de Galicia, si, pero non moi lonxe"

A xornalista María Sabarís dende Londres e Juan Elías Vergara dende Bruxelas son os responsables do podcast 'Fóra de mapa', que fala en galego dos pobos sen estado ciscados por Europa.
María Sabarís (Zacande, Meis, 1983). DP
photo_camera María Sabarís (Zacande, Meis, 1983). CRISTIAN PARISI

Que é Fóra de mapa?

É un podcast [arquivo de audio en rede que un pode descargar para escoitar cando queira] en galego no que Juan [Elías Vergara] e máis eu falamos das nacións sen estado que hai espalladas por Europa. Adoitan ser minorías descoñecidas para a xente porque só se fala delas nos medios de comunicación cando hai algún conflito de por medio. Nós queriamos reivindicar a súa historia e a súa cultura.

Como se lles ocorreu a idea?

Por casualidade. Eu, que estaba sen traballar, despois de todo verán en Zacande, ao volver a Londres, un día de outubro na casa, vendo a tele, atopeime con que falaban do conflito de Nagorno Karabaj [un enclave que se disputan Armenia e Azerbaiyán]. E pensei: jo, que rabia que se fale desta xente só cando hai un conflito. Comenteillo a Juan, que é o meu Google nestes temas, e aí acendéuseme unha bombilla na cabeza: por que non facemos algo sobre isto, quizais un podcast centrado nestes pobos.

Pobos como o galego.

Claro! Precisamente unha das nosas motivacións principais era falar de minorías como parte dunha minoría. Animounos moito a seguir adiante a idea de contribuír a xerar contido en galego sobre un asunto fóra do mainstream, demostrar que se pode facer.

Dende que comezaron a colgar os audios, en febreiro, xa falaron dos arrumanos, dos montenegrinos, dos sámis, dos sicilianos...

Levamos sete episodios. A Juan, que estudou Políticas, interésanlle moito as linguas minorizadas. E aos dous nos gusta moito viaxar e, cando o facemos, sempre é el o que vai dando o contexto do que vemos. Así que non deixan de ocorrérselle pobos, temas... Estamos tratando de atopar un equilibrio entre pobos moi pouco coñecidos como o dos arrumanos, nos Balcáns, e outros que o son moito máis, como o dos sicilianos, por exemplo. E no caso dos máis coñecidos buscamos ir máis alá dos estereotipos, claro. Cando alguén menciona Sicilia case o único que se nos vén a todos á cabeza é a mafia e a comida. Nada máis. Sen embargo teñen unha historia e unha cultura riquísimas detrás.

Os podcast están vivindo unha especie de idade de ouro. Por que elixiron este formato e non outro para Fóra de mapa?

Encaixábanos moi ben e case nin o pensamos. Que podiamos facer? Un blog? Moito pensei eu en facer un blog cando se facían blogs. Pero, se nin daquela me lancei, imaxina hoxe. A opción de crear unha canle en Youtube estaba descartada: confeso que non é unha plataforma para min. Agora está moi de moda Twitch, pero qué va, dígoche o mesmo. O podcast era perfecto. Estaba feito a medida para o proxecto. Persoalmente gústame moito a radio, a pesar de non ter traballado nunca nela. Era como unha oportunidade de facelo. O podcast é un formato que chega a moita xente de xeito sinxelo. Eu escoito moitos mentres camiño, por exemplo.

María Sabarís (Zacande, 1983). DP

Quixemos reivindicar a historia e a cultura de pobos dos que só se fala nos medios cando hai un conflito de por medio

Parecen feitos á medida destes tempos de andar e de cociñar.

Exacto!

O que fan tamén é completar a información con datos, mapas e curiosidades nas redes sociais.

Sobre todo a través de Twitter. Creo que en Twitter xa hai unha comunidade que funciona moi ben á hora de difundir contido en galego, á hora de darlle visibilidade. É moi interesante tamén o feedback que nos chega a través desa rede social. É importante dicir que nós tampouco somos académicos. Ofrecemos datos rigorosos, pero cun ton relaxado.

Estivo traballando moitos anos en Bruxelas, onde precisamente coñeceu a Juan Elías Vergara, e agora está en Londres. Consideráse unha galega da diáspora?

Considérome unha galega que vive por aí adiante. Sei que a diáspora está aí, existe, pero non é unha palabra coa que me sinta especialmente identificada. Eu sempre teño un pé en Galicia. Fíxate, hai pouco deime de alta aquí no CERA [Censo Electoral de Residentes Ausentes] e supuxo para min unha experiencia durísima porque significaba que deixaba de estar empadroada en Zacande. Decateime de que pasaba a formar parte desas estatísticas de caída de habitantes en Galicia. En fin, que si, que son unha galega da diáspora. Aínda que é obvio que a nosa diáspora non ten nada que ver coa dos anos 60. É menos traumática, entre outras cousas. Eu estou a menos de dúas horas da casa en avión. E recoñezo que me gusta vivir fóra e entrar en contacto con xente diferente, con outras mentalidades e con outras culturas. Sei que dicir isto é un pouco contraditorio, pero é a verdade: gústame estar na casa e tamén me gusta vivir fóra. Do que se trata é de atopar o equilibrio: irse da casa si, pero non moi lonxe. De feito, teño pensado que, de estar vivindo en Galicia, probablemente non teriamos lanzado este podcast.

É moi duro para unha galega vivir en Londres?

É moi diferente a vivir en Bruxelas. Alí hai moitos galegos. Eu mesmo tiña a miña propia comunidade de amigos. É como unha miniburbulla europea na que se atopa xente de todas partes. Londres é outra cousa, moito máis grande, unha cidade inabarcable, pero cunha gran diáspora galega. E moi activa e moi ben organizada. De feito, hai moitos colectivos que funcionan como punto de encontro entre nós. Como as antigas casas de Galicia, pero con propostas que van máis alá de comer e bailar a muiñeira. Organízanse foros de cinema galego, actividades infantís, peñas de fútbol... Esas cousas únennos moito.

Comentarios