José Manuel Cores: "Hai unha entrada de mercadorías estable e temos uns mínimos garantidos este ano"

Mellorar as relacións con Concello de Vilagarcía é un dos retos que ten por diante na súa xestión, e dous son os temas que xeran controversias: a construción do centro de saúde no edificio da antiga Comandancia de Marina e a dun hotel nuns terreos do organismo portuario
José Manuel Cores Tourís naceu en Cambados no ano 1958. DAVID FREIRE
photo_camera José Manuel Cores Tourís naceu en Cambados no ano 1958. DAVID FREIRE

Cunha longa traxectoria política (foi concelleiro e alcalde de Cambados e delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra) e tamén con cunha acreditada experiencia na xestión portuaria (nos consellos de administración dos organismos portuarios de Marín, do que foi vicepresidente, e de Vilagarcía), José Manuel Cores Tourís (Cambados, 1958) asumiu a presidencia da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. O dragado do canal de acceso ao Porto é o proxecto de maior calado que ten na súa axenda. Outro reto é manter ou mellorar o movemento de mercadorías, nunha etapa condicionada pola covid-19.

Cal é a situación na que se atopa o proxecto de dragado de entrada ao canal do Porto?
Están coa tramitación medioambiental e con outros trámites. No que queda de ano, a idea é que estean rematados para licitalo ou a principios do ano que vén.

Esta obra está pensada para facilitar a entrada aos barcos de máis tonelaxe. A potencial demanda xustifica o investimento?
Con dez metros que temos de calado, algún barco grande ten que esperar a que suba a marea para poder entrar. Neste intre están evaluando ir a doce. Se podemos chegar a catorce, iremos a catorce e, senón, a doce. A inversión son sete millóns de euros e a demanda está xustificada porque todos, e especialmente os de contenedores o necesitan. Por outra parte, así podrán entrar outros máis grandes e con máis carga, abaratando o transporte.

O uso do ramal ferroviario portuario foi mínimo. Cabe a posibilidade de que aumente no futuro próximo?
No ano 2020 non se utilizou nada pola covid-19. Hai algún proxecto dalgún empresario de utilizalo para descargar mercadoría e levala á meseta. Están traballando nese tema e sería moi importante.

As poucas veces que se usou houbo protestas e problemas de tráfico.
Estiven falando co alcalde para tratar de que sexa a unhas horas nas que prexudique o menos posible aos veciños. Pero, evidentemente, é un tema que depende de Renfe e tamén dos consignatarios, que son os que os marcan. Teríamos que evitar as horas punta para evitar atascos.

A Consellería de Sanidade dixo que non reúne as condicións porque está moi céntrico e habería que derribalo

Cal será o futuro do Peirao de Pasaxeiros?
Aí está instalado o club de piragüismo. A idea é trasladalo a outra nave do Porto, no Cavadelo. O Concello leva máis dun ano co proxecto. Cando o teña rematado irán para ela, porque está moi ben, xa que conta cunha rampla de baixada. De momento hai que estudar algunha fórmula.

O Ramal será usado algún día polos cruceiros?
O ano pasado entrou pouco cereal, pero de momento necesitamos ese espazo porque tampouco temos outro no Porto. Habería que poder construír máis naves. Agora empeza a moverse máis esta mercancía e temos dúas empresa potentes. Habería que reformar o PXOM ou a outra fórmula, que sería máis rápida, sería unha modificación puntual, se nos di a Xunta de Galicia que podemos. Os pasaxeiros dalgún cruceiro foron recollidos alí en autobuses. Pode ser viable converter o Ramal nunha estación de cruceiros, pero de momento necesitamos ese espazo.

O Concello rexeita á construción do hotel, que promove a Autoridade Portuaria. Houbo avances neste tema?
De momento non os houbo. A idea e facelo pegado ao edificio que hai nesa zona. Non un gran hotel, senón dunhas dimensións máis humanas. Trataremos de reactivar ese tema.

No seu momento, Portos de Galicia mantivo que no espazo portuario non debe haber usos alleos a esta actividade.
Ese terreo xa se sacou do espazo portuario. É do Porto, pero está fóra do Porto.

Cal é a perspectiva en canto ao movemento de mercancías para este exercicio.
Movemos algo máis de 1,2 millóns de toneladas no 2020, que foi o segundo mellor ano aínda co tema covid e a baixada no cereal. Baixou un 8% con respecto a 2019, que fora o mellor da historia con moita diferenza, Outros baixaron un 20, un 25 e un 30%. Aguantou moi ben. Hai unha serie de mercadorías que son moi estables e temos uns mínimos garantidos. Hai que agadecerllo á xestión de todos os traballadores do Porto, que están pelexando no día a día e fan un traballo excepcional, e tamén os consignatarios, que son os que se poñen en contacto coas empresa que traen os produtos. O primeiro mes foi ben e semellante ao anterior. Finsa move todo por aquí, o aluminio é moi importante e o 25% son os contenedores.

A idea e facelo pegado a un edificio que está na parcela, non grande, senón dunhas dimensións humanas

Hai algunha posibilidade de que a antiga Comandancia de Marina sexa o novo centro de saúde?
A Consellería de Sanidade dixo que non reúne as condicións porque habería que derribar o edificio.

O Concello de Vilagarcía mantén que o emprazamento e o mellor por estar preto dun estacionamento e do apeadoiro de autobuses urbanos.
Sanidade entende que é demasiado céntrico, porque mantén que deben construírse nun andar e non estar metidos en sitios onde poda haber atascos, tendo en conta a entrada das ambulancias, e aquí os días de mercado (martes e sábado) é complicado e díficil entra. Agora mesmo non, polo tema da covid, e os mercados tamén o están sufrindo, evidentemente. Estamos a expensas de que a Consellería decida e, a partir de aí, habería que negociar, evidentemente. Dese tema tamén falei co alcalde e teremos algunha reunión máis. De momento, hai uns convenios asinados coa Asociación de Xóvenes Empresarios e co Clúster de Transporte de Galicia, que teñen aí as oficinas e a sede, e tamén os despachos dos sindicatos do Porto.

Chegou á Presidencia da Autoridade Portuaria cunha longa experiencia neste apartado.
Levaba doce anos no consello de administración e, polo tanto, tiña bastante relación co Porto de Vilagarcía, e tamén co de Marín, do que fun vicepresidente. Evidentemente, xa coñecía un pouco o tema. Nestes días estou poñéndome en contacto coa xente que traballa aquí e tamén cos consignatarios para ver como está a situación e traer máis tráficos, que é do que se trata, valorando as distintas iniciativas co persoal e os empresarios.

Cales son os puntos de referencia da actividade do Porto de Vilagarcía?
Queremos que a esta plataforma se acollan as empresas do Salnés. As que hai entre Pontevedra e Santiago teñen miles de traballadores e moitos deles dependen do Porto. Agora mesmo estaba pensando no tema do aluminio, e entra Cortizo, Exlabesa e Extrugasa estamos a falar de 2.000 persoas. No sector do taboleiro e da madeira, Finsa, que antas mandaba polo porto da Coruña, agora centralizou todo aquí. De aquí saen moitos contedores para Canarias, fundamentalmente, pola empresa Boluda. No Deza hai fábricas de pensos e gandaría e esperamos que este ano se importe moito máis cereal que o pasado. 

Comentarios