Unha homenaxe á rocha de Silgar

Exposición sobre O Cubreiro ► Houbo unha época na que a Madama de Silgar non capturaba todas as miradas no horizonte de Sanxenxo. Coa vontade de reivindicar a rocha na que hoxe se asenta, O Cubreiro, a asociación cultural que leva o seu nome organiza un evento para mostrar ás novas xeracións "un Sanxenxo que non coñeceron"
Mostra das imaxes antigas que comporán a exposición na Sala Nauta, e que visualizan O Cubreiro dende diferentes perspectivas. Á esquerda, unhas mulleres posan coa rocha de fondo, mentres que as outras dúas fotografías mostran panorámicas do municipio na época.
photo_camera Mostra das imaxes antigas que comporán a exposición na Sala Nauta, e que visualizan O Cubreiro dende diferentes perspectivas. Á esquerda, unhas mulleres posan coa rocha de fondo, mentres que as outras dúas fotografías mostran panorámicas do municipio na época. ASOCIACIÓN O CUBREIRO

Resulta extraño visualizar o horizonte costeiro de Sanxenxo sen reparar na presenza da Madama de Silgar, a estatua que hoxe é o emblema da capital turística do norte peninsular. Sen embargo, e contrariamente ao que as novas xeracións poidan pensar, a Madama é relativamente moderna, e hoxe aséntase nunha rocha que xa nos seus tempos era famosa por si mesma.

Trátase de O Cubreiro, un elemento natural que lle dá nome á Asociación Lúdica e Cultural O Cubreiro que, de cara a finais deste ano, pretende poñela en valor mediante unha exposición que reivindica unha fachada costeira coa pedra como única protagonista.

Tal e como explica o presidente, Juan Pintos, o evento acollerá un extenso catálogo de fotografías antigas recopiladas entre a veciñanza e diversos organismos. Delas, as máis recentes datan mínimo de 26 anos atrás, tendo en conta que a Madama celebrou as súas vodas de prata o pasado ano 2020.

undefined

Será aberta ao público e celebrarase na Sala Nauta de Sanxenxo. Toda unha experiencia para "a xente máis nova, que non coñeceu Sanxenxo sen a Madama, e non sabe a historia desta pedra, que sempre estivo aí".

As orixes etimolóxicas da singular rocha son fonte da sabedoría popular, e compóñense de dúas teorías. A primeira, nomea á pedra coma O Corbeiro, debido á inxente presenza de cormoráns, aves mariñas, que ateigaban a pedra con anterioridade á instalación da Madama.

A segunda, "a máis aceptada", refírese a O Cubreiro debido a que "a auga nunca chega a cubrir esta pedra por completo, nin coa marea alta", sinala Pintos. Deste tipo de rochas, asegura, "atópanse máis exemplos en Galicia".

Agora os cormoráns xa non poboan o famoso Cubreiro a ducias, nin os cativos utilizan a singular rocha para precipitarse á auga unha e outra vez nas tardes de verán. Pero o Cubreiro garda na memoria colectiva os vestixios dunha época na que Sanxenxo era máis vila mariñeira que epicentro do turismo. As imaxes daqueles tempos, pese a todo, son "difíciles de atopar".

A pesar de que a asociación xa reuniu unha boa cantidade delas, das que este xornal publica unha pequena mostra, o reto ten o seu fundamento en que "cando se tomaban imaxes da fachada de Sanxenxo, o ángulo case nunca enfocaba cara o lado onde se atopa a rocha".

undefined

Sen embargo, o poder da colectividade está en vías de facer que a fazaña resulte exitosa, para que a Sala Nauta poida ofrecer en breve unha cara de Sanxenxo hoxe xa descoñecida.

A ASOCIACIÓN. A entidade organizadora é tamén a responsable directa de citas emblemáticas en Sanxenxo coma o Mundial de Colchonetas que cada verán se celebra na praia da Panadeira, e que proxecta retomar para a vindeira tempada estival se a situación sanitaria o permite.

A asociación O Cubreiro, que o vindeiro ano fará o seu décimo aniversario, conta hoxe en día con arredor de 40 membros, e naceu, precisamente, a raíz da vontade de formalizar a celebración "colchoneteira", que comezou en 2008, e que hoxe xa acada fama estatal.

Comentarios