Unha homenaxe a Sanxenxo no Resurrection, a cima dos festivais de rock galegos

Kaleikia levará a Viveiro toda unha banda sonora instrumental inspirada no municipio que a viu medrar
Kaleikia nunha actuación na Sala Son de Cangas. DAVID FIGUEROA
photo_camera Kaleikia nunha actuación na Sala Son de Cangas. DAVID FIGUEROA

Cando deron o seu primeiro concerto no Twist & Shout Club do Grove en 2017, non imaxinaban o lonxe que poderían chegar nun curto periodo de catro anos. A maioría deles coñecíanse xa do instituto de Vilalonga e, coma moitos xóvenes con inquietudes musicais, comezaron a debutar en grupos locais de Sanxenxo. Ata que chegou Kaleikia, toda unha homenaxe musical a Galicia e, sobre todo, ao Sanxenxo que os viu medrar. Son Pilar F. Yuste, ao piano e arpa celta; Manuel Kölmer á batería; Pablo Senra ao baixo e Manu Méndez ás guitarras. Para eles, orixinarios de Portonovo, A Lanzada, Padriñán e Meaño, a música é un xeito de "poñerlle banda sonora ambiental e instrumental a algúns dos recunchos do noso fogar". E, o vindeiro verán de 2021, poderán homenaxear ao seu municipio natal no escenario rockandroleiro e metaleiro máis importante de Galicia, e de renome en todo o Estado: o Resurrection Fest de Viveiro.

Para o grupo sanxenxino, a cima chega pronto. "É o culmen da nosa carreira ata o momento, o Resurrection é a meca de calquera grupo galego", asegura Manu Méndez. Neste sentido, e despois de que o festival tivera que adiar a edición de 2020, Kaleikia compartirá cartaz no verán de 2021, "se todo sae ben", con grandes formacións estranxeiras do talle de Deftones, System of a Down, Korn ou Sabaton.

POR E PARA SANXENXO. O debut na cima dos festivais de rock galegos terá lugar, para o grupo sanxenxino, dous anos despois de sacar o seu primeiro disco, de nome Oileán Fada que é, nin máis nin menos, que "o nome da praia da Lanzada en celta antigo". Pero esta non é a única mostra de devoción pola súa terra por parte dos Kaleikia, pois todo o disco é unha sentida homenaxe instrumental, con influencias do rock, metal e incluso outras da música clásicca e do jazz fusión, ao municipio. Así, neste traballo, que interpretarán no festival de Viveiro xunto a "algúns máis do novo disco, no que xa estamos traballando", cada título é unha particular banda sonora para un elemento paisaxístico ou un lugar de Sanxenxo. Nel, os músicos recrean mediante a música "un cemiterio megalítico de 6.000 anos" (Chan de Gorita), "os cambios que arrodean a alguén moi querido no medio dunha treboada" (Padriñan), "xente curiosa vivindo nun lugar esquecido" (Vilalonga), "un lugar milenario a carón do mar" (Noalla), "a historia da humanidade nunha única aldea" (Adina) ou "a voz das silenciosas árbores deforestadas" (Nantes). Poesía feita música.

Comentarios