Humor e deporte un ano máis no Mundial de Colchonetas de Sanxenxo

Sanxenxo celebrou este domingo a décima edición da peculiar competición de carreiras, organizada pola Asociación O Cubreiro na praia da Panadeira

A cita contou cunha grande afluencia de participantes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Mundial de Colchonetas
photo_camera A cita contou cunha grande afluencia de participantes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un ano máis, e xa van dez, celebrouse en Sanxenxo o divertido campionato de carreiras con colchonetas; unha edición que non estivo exenta da diversión e do humor que a caracterizan.

Desde a organización do evento xa adiantaban que este ano, ademais de que os participantes amosasen as súas cualidades deportivas, tería moita importancia o sentido do humor á hora de escoller disfrace e colchoneta, xa que a orixinalidade na elección de ambos se converteu nun elemento fundamental do Mundial de Colchonetas.

Desde a Asociación O Cubreiro congratúlanse de que o que comezara como unha reunión divertida entre amigos se estea a consolidar como un dos acontecementos sociais do pobo sanxenxino de todas as idades. Destacan a participación cada vez máis alta de estranxeiros no campionato. Este ano, entre os 263 participantes, cifra que supera a do ano pasado, figuran alemáns, portugueses ou belgas, co cal se vai facendo cada vez máis axustado o nome de Mundial de colchonetas que se lle dá ao torneo.

Non obstante, participantes e organizadores non permiten que esta fama desposúa o torneo do seu carácter máis lúdico que competitivo. Un ano máis, o Mundial de colchonetas inchables desenvolveuse sen incidentes e dominado polo bo rollo entre os corredores.

A cita contou cunha grande afluencia de participantes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Mundial de Colchonetas2

MUNDIAL SOLIDARIO. Este ano ademais, aínda que a inscrición continúa a ser gratuíta, desde a organización animaban a que tanto os participantes como o público asistente levasen alimentos non perecedoiros para doalos a Cáritas.

Alentaban tamén a levar penso para animais, que será doado á Asociación Peludos Invisibles Sanxenxo.

GAÑADORES. Son varias as categorías nas que compiten os colchonetistas, divididas por franxas de idade e entre grupos ou individual no caso dos disfraces.

O podio da categoría de 0 a 9 anos compóñeno Joaquín Fonseca, Rudolf Müller e Rodrigo Pérez, mentres que o de 10 a 14 anos está liderado por Candela del Campo, seguida de Mariña Pérez e Manuel Piñeiro.

As gañadoras na categoría adulta feminina son Alejandra Mosteiro, Bárbara Lores e Ruth Cid, mentres que os da masculina son Ringo Deza, Jorge Segura e Miguel A. Varela.

O premio a mellor disfrace infantil foi para Eduardo Pérez, o de mellor colchoneta para unha que representaba un unicornio e o de mellor disfraz en grupo para Los Buzos.

Os mellores disfraces individuais na categoría de adultos foron o de Pulpeiro e o de Uve, e o grupal sería Blancanieves y los siete enanitos, seguido dos Bombeiros e da Arca de Noé. O grupo de Brancaneves levouse tamén o premio á mellor colchoneta.

A organización incluíu nesta edición un segundo e un terceiro premio para os disfraces en grupo, que non se concedían o ano pasado. Desde a Asociación O Cubreiro afirmaban que cada vez tiñan máis participantes disfrazándose en conxunto e que cada ano resultaba máis difícil escoller gañadores, co cal agardaban que a posibilidade de outorgar un segundo e terceiro premio fixese a decisión máis doada.

Desta edición, os membros da organización valoran especialmente que a meteoroloxía acompañase para a celebración do campionato. "Contratamos bo tempo e tivémolo", bromeaban.

Agora xa só queda agardar ao verán de 2019 pola décimo primeira edición desta competición referente no verán galego e, cada vez máis, a nivel internacional.

Comentarios