A III edición dos bonos 'Son da Casa!' vende 1.100 paquetes en só tres días

Os usuarios que invistan 20 euros en calquera dos 200 establecementos adscritos, recibirán dez euros extra
Imagen de la céntrica Praza de Galicia de Vilagarcía. GONZALO GARCÍA
photo_camera Imaxe da céntrica Praza de Galicia de Vilagarcía. GONZALO GARCÍA

Tres días despois da apertura da III edición dos bonos-compra Son da Casa! xa se adquiriron case a terceira parte do total dos paquetes emitidos. Dos 3.750 lotes abertos á venda o venres, o domingo pola noite xa estaban vendidos 1.100, tal e como informaron dende o Concello de Vilagarcía, que fai un balance positivo da iniciativa. "Demostra o interese e a aceptación que a iniciativa municipal ten entre a cidadanía que, investindo 20 euros nos bonos pode facer compras por valor de 30 grazas aos 10 euros que o Concello engade en cada lote co obxectivo de incentivar o consumo e dinamizar a economía local, tras o retraemento ocasionado pola pandemia", explicaron.

A medida, que se enmarca no Plan de Promoción e Reactivación da Economía Vilagarcía 21, está a ter éxito mediante a venda online. Os 1.100 packs de bonos vendidos nesta primeira fin de semana correspóndense na súa totalidade á venda a través da web sondacasa.vilagarcia.gal, posto que a venta presencial prevista para o sábado tivo que suspenderse debido á choiva. Neste sentido, o vindeiro sábado haberá punto de venda na Praza de Galicia para aquelas persoas que non teñan acceso aos medios dixitais ou teñan dificultade para mercar telematicamente.

A edición primaveira-verán remata o 31 de xullo, data ata que os compradores dos bonos poden gastalos en calquera dos 200 establecementos hosteleiros, comerciais e pequenos negocios de servizos adheridos á campaña. Estes establecementos poden identificarse a través da cartelería da campaña, que deben ter visible en portas e escaparates, e tamén se pode consultar a lista completa na propia web de "Son da Casa!".

Para participar hai que ser maior de idade e non adquirir máis de dous packs por persoa, para o cal, durante a compra, debe aportarse o DNI.

Comentarios