sábado. 29.02.2020 |
El tiempo
sábado. 29.02.2020
El tiempo

O FUTURO DAS RÍAS BAIXAS

A illa do Grove e bateas sen mexillóns

Imagen de una batea. GONZALO GARCÍA
Imagen de una batea. GONZALO GARCÍA
Galicia verase afectada polo cambio climático. Menos praias, dificultades para producir mexillóns, poucos lugares para mariscar ou novas especies invasoras ameazan as Rías Baixas. Non hai planeta B, pero o proceso tampouco é irreversible: é urxente cambiar a forma de vivir para frenalo

Unha Galicia sen mexillóns, con menos episodios de chuvias, praias somerxidas baixo o mar e penínsulas que se converten en illas. Os efectos do cambio climático ameazan as Rías Baixas e, pouco a pouco, modifican ecosistemas e paisaxes. Sen ir máis lonxe, O Grove podería converterse nunha illa en 100 anos se non se revisan e corrixen os hábitos da poboación mundial para frenar a polución e o gradual aumento de temperaturas.

"A auga está cada vez máis quente, xa se constatou que dende 1950 a temperatura aumentou un grao, o que provoca que cada vez aparezan nas nosas costas máis especies de orixe tropical", explica o experto en oceanografía química do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, Antón Álvarez Salgado. Está comprobado tamén que nos últimos 70 anos o nivel dos océanos subiu 18 centímetros, o que confirma unha dinámica que persiste e persistirá de non facer algo ao respecto para reconducir a situación. "Podemos facer unha predición do que pasará tendo en conta a forma de vida que temos, pero hai que saber que as cousas poden cambiar se se toman medidas como a substitución dos combustibles fósiles", explica Álvarez Salgado.

MARISQUEO. Segundo as opinións máis pesimistas, o nivel do mar podería subir un metro nun século. Que significa iso? Consecuencias para o marisqueo, para o turismo e para as infraestruturas. "Cada centímetro que sube o mar pode supoñer un metro menos de praia ao ser superficies moi planas e con pouca elevación", explica o científico. Así, praias do fondo da ría nas que tradicionalmente se practica o marisqueo quedarían asolagadas, perdendo o seu aproveitamento para a cría e recollida de moluscos. "Outras praias, como a de Aguete, que non ten moito areal e é bastante plana, poderían desaparecer", o que supón un claro impacto para o turismo.

A estreita manga de area que une o concello do Grove coa Península veríase tamén asolagada pola auga do mar se se cumpren os peores pronósticos, levando por diante a praia da Lanzada. "Esta é tamén unha zona moi baixa, que está ao nivel do mar e, por cada centímetro que suba a auga, supón unha perda importante de superficie", explica Álvarez Salgado. Os humidais, nos que se mestura auga doce e salgada, terían unha maior cantidade de auga do mar, o que provocaría tamén cambios nas especies, de xeito que, por exemplo, algunhas das aves que migran a esas zonas deixarían de facelo ao deixar de ser un ecosistema apto para elas. "Todo o que ten que ver con estas modificacións do medio ten consecuencias a nivel ecolóxico e de ecosistemas, pero tamén económico", conta Álvarez.

A subida do nivel do mar afectaría tamén a determinadas infraestruturas próximas á costa como portos, peiraos ou estradas. Un claro exemplo é o da autovía que une Pontevedra e Marín, na que está pendente a costrución dun paseo peonil paralelo á costa que una os dous concellos. A dita estrada xa sofre as consecuencias das inundacións cada vez que hai temporal.

Ademais das inundacións con motivo do desxeo dos polos, os efectos da contaminación e o CO2 no mar chegan máis aló. A suba de temperaturas na auga provoca, necesariamente, un cambio de ecosistemas. "Existen especialistas que sinalan que as sardiñas e outras especies que tradicionalmente se deron nas nosas augas poderían migrar a zonas máis frías e ser remplazadas por outras que modifiquen o ecosistema", conta científico.

Do mesmo xeito, se as emisións de CO2 continúan a producirse nos niveis actuais, será complicado que os mexillóns poidan chegar a sobrevivir e, se o fan, terán menos carne. Cal é o motivo? Que a auga do mar é cada vez máis ácida. "Os océanos absorben o CO2 da atmosfera e este, ao entrar en contacto coa auga, convértese en ácido carbónico. Por outra parte, as cunchas dos mexillóns son de carbonato cálcico, un composto químico que se corroe con este ácido. Polo tanto, os mexillóns van ter que adicar moita enerxía á formación da cuncha e terán menos carne ou, directamente, non poderán sobrevivir", conta o científico, que asegura que este non será un problema en 2050, pero si en 2100 se non se corrixen certos hábitos.

Outros efectos directos e visibles do quecemento global poden aprezarse simplemente fixándose no tempo. Así, nos últimos 70 anos aumentou o número de días cálidos no verán e diminuíron os días fríos no inverno. Ademais, chove menos en primavera e máis en outono e os períodos de seca son cada vez maiores. "En Galicia xa tivemos veráns con problemas deste tipo", apunta o científico. As xeadas cada vez retrásanse máis e redúcense as nevadas. "Nós disto non somos conscientes, pero a xente que vive na montaña nótao", remata.

Os mexillóns, en risco

Imagen de una batea. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

A cantidade de CO2 na atmosfera provoca que os océanos sexan cada vez máis ácidos, un proceso que se coñece como acidificación e que afecta á formación de cunchas dos moluscos. Polo tanto, canto máis ácido sexa o mar, máis difícil será producir mexillóns.

Infraestruturas asolagadas

Efectos temporal viento carril autoría cortado

As mareas vivas e temporais provocan de forma periódica a inundación de estradas como a PO-11, que une Pontevedra con Marín. A suba do nivel do mar nos próximos 100 anos, que pode chegar a ser dun metro segundo as previsións máis pesimistas, asolagaría definitivamente o vial.

Un metro máis de mar

Imagen de Combarro desde la ría. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

Paisaxes pintorestas. peiraos, infraestruturas como portos e outras edificacións próximas ao mar veríanse afectadas polo aumento do nivel do mar. A localidade de Combarro, pintoresca pola proximidade dos hórreos á praia, veríase afectada tamén por inundacións.

Menos praias

Playa de Aguete. ADP

Unha suba dun centímetro no nivel do mar pode chegar a supoñer un metro menos de praia. Os areais das Rías Baixas corren o risco de desaparecer se o quecemento global segue a dinámica actual. Sobre estas liñas, a praia de Aguete.

A illa do Grove e bateas sen mexillóns
Comentarios