"É importante poñerlle nome ás situacións; o que non o ten é como se non existise"

Un ano despois de comezar a triunfar en Instagram cos seus coñecementos en psicoloxía, a portonovesa Marta Martínez Novoa, acaba de lanzar o seu primeiro libro, 'Que sea amor del bueno', sumando xa unha lexión de seguidores que superan os 270.000
Marta Martínez Novoa. DP
photo_camera Marta Martínez Novoa. DP

A oportunidade de escribir un libro chegou ao mesmo tempo que o auxe do seu perfil en Instagram (@martamnovoapsico). Os contidos que trata na súa conta, na que divulga pautas e consellos a través de posts de xeito ameno e ilustrado, chamaron a atención da editorial, que lle propuxo o proxecto. Así naceu Que sea amor del bueno (Planeta de Libros, 2022), un traballo no que Marta Martínez Novoa (Dorrón, Sanxenxo, 1994), aborda a responsabilidade afectiva dende unha perspectiva profesional, pero tamén moi cercana. O traballo sae á venda o vindeiro 23 de marzo e estará dispoñible en formato dixital e en papel nas librerías e grandes superficies.

É un libro que fala do amor, pero non necesariamente en parella...
Eu o amor enténdoo como algo global. Cando falo de amor non penso exclusivamente no amor de parella, que ao final é o tipo de relación á que máis prioridade se lle deu sempre. Aquí falo de amor de parella, de relacións diferentes, de amizade, familia ou calquera vínculo no que haxa algún tipo de afecto e, polo tanto, responsabilidade afectiva.

Marta Martínez Novoa. DP
Marta Martínez Novoa. DP

Di que a irresponsabilidade afectiva é a nova pandemia do amor. Aplícase só á xente nova ou para ser irresponsable non hai idade?
Non hai idade. No libro falo de mandatos sociais coma os que din que tes que ter parella para ser exitoso ou que tes que ver sempre o lado positivo da vida, que ao final todo está ligado ao tema das relacións. Isto é algo que temos totalmente inscrito todos como sociedade, independentemente da idade. E máis aínda incluso a xente maior. De aí que moitas veces as irresponsabilidades afectivas se dean en familias nas que as persoas de máis idade asumen a idea social de que saben máis da vida e que a súa opinión vale máis que a da xente nova.

Aborda outros conceptos coma o ghosting, hoovering ou love bombing. Ata que punto é importante poñerlle nome ao que pasa?
Poden parecer palabras para ir de guai en inglés, pero é que en realidade é moi importante poñerlles nome ás situacións. Moitas veces, o que non ten nome é como se non existise, e normalízase. É un xeito de clasificar o que é san e o que non o é nunha relación. Se ten un nome quizais sexa máis fácil de identificar.

Cales destas condutas son as que vostede máis detecta na consulta?
En xeral case todas as que saen no libro, pero o ghosting leva a palma. É dicir, que parece que todo vai ben nun vínculo, estás coñecendo á persoa, e de repente desaparece. Deixa de quedar contigo, de contestarche e incluso bloquéate. Isto é o que máis vexo con diferenza e está moi normalizado. Teño pacientes aos que lles pregunto por algunhas persoas e, dun xeito moi normal, din que non volveron saber nada. E non é normal.

"Pensamos que o mellor está fóra e non é así. Continuarei traballando e pasando consulta en Portonovo"

Vivimos nun mundo de individualismos. Como de importante é poder contar con alguén?
Diso falo moito no libro. Nesta sociedade parece que todo é dependencia emocional. Se tes un problema e acudes a un amigo ou á túa parella dinche que ese tema deberías solucionalo soa e non é así. Somos seres sociais e precisámonos. Unha única persoa non pode ser o centro da túa vida, pero hai que ter en conta a interdependencia: todos precisamos dos demais para regular as nosas emocións e sentirnos mellor. Hai que xerar unha rede de calidade, que non ten que ser exclusivamente a través da parella.

En só un ano logrou acadar un grande éxito dende unha vila pequena como é Portonovo...
Eu sempre o digo: pensamos que o mellor está fóra e non é así. Estiven catro anos en Madrid e realmente cando estou sendo cen por cen feliz co meu traballo e demais é agora. A longo prazo continuarei traballando e pasando consulta dende Portonovo.

Comentarios