Infraestruturas aliviará o acceso a Sanxenxo dende A Lanzada pola vía rápida

Desdobrarase a saída con dous carrís ata a rotonda de Vinquiño para evitar atascos no verán
undefined
photo_camera Telmo Martín, Ethel Vázquez e María Deza visitaron este luns a zona. AGN

As retencións quilométricas que caracterizan o acceso a Sanxenxo dende A Lanzada pola vía rápida en tempada estival pretenden ser historia. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou este luns durante unha visita ao municipio a licitación, xa efectiva, dunha actuación que definiu como "sinxela a primeira vista pero moi importante para o municipio", e que suporá mellorar a capacidade do enlace da saída da vía rápida do Salnés (VG 4.1) cara a PO-504 entre un 30% e un 40% para o tráfico procedente do Grove e A Lanzada.

A actuación, que ten un prazo de execución de 12 meses, e que se prevé que comece despois deste verán, suporá a expropiación de sete parcelas e a ocupación temporal doutra por mor das obras, cun orzamento de 335.422 euros, no que están incluidas ditas expropiacións, e que podería variar en función das negociacións.

A obra consistirá en desdobrar a actual saída, que conta cunha sinal de stop, con dous carrís ata a rotonda de Vinquiño. Deste xeito, o tráfico procedente da Lanzada poderá acceder ao municipio ben pola actual vía, ou directamente polo novo ramal, que contará cunha extensión de 115 metros e suporá un acceso directo á PO-504, sen necesidade de efectuar ningunha parada e que, ademais, tal e como explicou o técnico, terá preferencia.

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que participou na presentación da actuación xunto á tenente de alcalde, María Deza, agradeceu á conselleira a "iniciativa" dunha obra que, valorou, "solucionará o caos que se produce en determinados momentos do día na tempada alta coicidindo coas viaxes ás praias". Martín, que trasladou a Vázquez a petición de que as obras se acometan pasado o verán de 2021, no mes de setembro, co obxectivo de "non interferir coa tempada estival", destacou que se trata "dunha obra importantísima, aínda que poida parecer pequena".

A conselleira de Infraestruturas asegurou que se agardan "grandes resultados" desta actuación, que dá continuidade "ao esforzo inversor" que a consellería está a levar a cabo en Sanxenxo, Concello co que, garantiu, existe "un diálogo constante" e que tamén "demanda constantemente investimentos necesarios no municipio".

Vázquez explicou que a actuación no enlace da VG 4.1 complementarase con "outras actuacións para a mellora da seguridade viaria, como as propias balizas para a identificación dos carrís e a sinalización horizontal e vertical", e destacou a mellora no actual radio de xiro do acceso que "é nestes momentos moi complicado", así como a eliminación do actual stop que provoca importantes retencións. Tamén anunciou vindeiros investimentos na mellora da seguridade viaria na PO-504.

A conselleira non pasou por alto que estes traballos complementaranse no futuro co desdobramento da vía rápida, para o que se están valorando "fórmulas" dun xeito sensiblemente especial ao tratarse "dunha das zonas de Europa con maior número de figuras e espazos de máxima protección ambiental".

Comentarios