Unha iniciativa pioneira leva a educación maternal á piscina de Sanxenxo

O municipio é o único da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés onde se realiza a actividade, que conta cunhas 20 xestantes ► A matrona atende actualmente a 64 mulleres embarazadas
undefined
photo_camera Exercicios durante as primeiras sesións nas instalacións de Baltar. DP

Despois de formarse en preparación maternal na auga, a matrona de Sanxenxo, María Dolores Rodríguez García, que exerce actualmente no centro de saúde de Baltar, comezou a darlle voltas á idea de sacar adiante un curso destas características ao sentar praza na Atención Primaria. Tras chegar ao municipio, e cunha pandemia polo medio, a sua iniciativa vén de facerse realidade grazas á colaboración do Sergas e do Concello de Sanxenxo, cun grande éxito entre as xestantes do municipio, que actualmente suman 64, das que participan arredor de 20.

undefined
Realización dalgúns dos exercicios. DP

Trátase dunha iniciativa pioneira na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, e Sanxenxo é o único municipio no que se realiza, con epicentro na piscina municipal, situada en Baltar (Portonovo). "Estou moi agradecida. Pedín permiso ao Concello e á xerencia da área sanitaria, e pareceulles moi interesante. A preparación na auga permite realizar movementos que en terra non se poden facer por risco de lesión, e é moi beneficiosa para a pelve e para o traballo de parto", explica Rodríguez.

A actividade realízase en dúas sesións o primeiro e o terceiro venres de cada mes, de 12.30 a 14.00 horas, a partir da semana 28 de xestación, polo que o número de alumnas fluctúa segundo avanzan no proceso. Pero non só se trata dunha preparación física, "senón tamén mental". Tal e como asegura a matrona, ao remate de cada unha das sesións "temos en conta á persoa que se despide, dámoslle ánimos e procuramos que leve un bo recordo deste apoio cando esté nos momentos difíciles".

undefined
María Dolores Rodríguez, matrona de Sanxenxo. DP 

As clases, que na súa primeira sesión contaron con 10 mulleres, e na segunda con oito, teñen como obxectivo trasladar á auga toda esa parte práctica que complementa á teórica. "Facemos un quecemento de cinco minutos para exercitar a musculatura e, na auga, durante 30 minutos, exercicios de resistencia, forza, aeróbicos e de pelve, que facilitan o encaixe do bebé, encamiñados a un mellor traballo de parto, e incluso exercicios por equipos. Procuro que cada día sexan diferentes. Sempre temos novas alumnas, e na auga tamén facemos as presentacións delas e do bebé", explica. A actividade que, asegura, "irá evolucionando", é o complemento perfecto ás charlas nas que Rodríguez procura "contar cunha persoa externa que aporte coñecementos de todo tipo, como sistemas de retención infantil, ou axudas económicas, e tamén damos teoría do parto ou a lactancia, sempre con perspectiva de xénero e parentalidade positiva".

Só en Sanxenxo, a matrona atende potencialmente a unhas 8.000 mulleres, polo que a súa actividade non vai só encamiñada ás xestantes. Tal e como explica, "a función das matronas cambiou moito, máis alá do embarazo e o parto. Atendo a mulleres de todas as idades reprodutivas e sexuais, e incluso teño a unha paciente de 93 anos".

Comentarios