Os 'jatos' invaden Portonovo

A Festa do Jato celebrouse polas rúas de Portonovo cunha programación para todas as idades 
Momentos das festividades de Portonovo. LUÍS CHOUZA/OLLARES DE PORTONOVO
photo_camera Momentos das festividades de Portonovo. LUÍS CHOUZA/OLLARES DE PORTONOVO

A Festa do Jato volveu un Entroido máis ás rúas de Portonovo para deixar outro éxito, se cabe, cada vez máis grande, tras de si. A celebración, que cumpre seis edicións ateigando de gatos, gatas, gatiños e gatiñas a chamada zona dos viños, venceu ás predicións de mal tempo e apostou pola troula. E tamén, que non se diga, polas actividades infantís, xa que dende o máis maior ata o máis pequeno puideron gozar dunha xornada entre bigotes, uñas e orellas, na que incluso se deixou ver algún que outro rato.

A festa arrancou ao mediodía, coa tradicional carreira popular dos jatos detrás do rato, que se desenvolveu dende a Lonxa ata o Campo de San Roque. Entre medias, a zona dos viños atraía polo seu cheiro a parrillada, á que os "jatos" máis famentos non se puideron resistir. Os pasarrúas e os contacontos para os cativos deron paso a unha tarde e noite de festa que se prolongou ata altas horas da madrugada, e que ateigou as rúas da zona de "jatos" que, esta vez, buscaban un bo dixestivo, no que foi un dos puntos álxidos da xornada.

A cita, que non escatimou na orixinalidade dos disfraces, camiña xa cara unha séptima edición na que ameaza con superar as expectativas.

Comentarios