"Quen vexa algo asociado a envelenamentos a animais debe denunciar"

O concelleiro de Seguridade Cidadá de Sanxenxo, Jaime Leiro, apremia á veciñanza a informar á Policía Local ante calquera indicio
Filipo, un gato envelenado nos últimos meses, que puido salvarse. PELUDOS INVISIBLES
photo_camera Filipo, un gato envelenado nos últimos meses, que puido salvarse. PELUDOS INVISIBLES

"Denunciar" ou "informar á Policía Local ou a Emerxencias" no caso de que algún veciño teña constancia dun envelenamento ou dalgún tipo de acción que poña en perigo a vida dos animais nos espazos públicos do municipio é, segundo o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, "de vital importancia para que os corpos de seguridade poidan facer o seu traballo". Neste sentido, e tras coñecerse nos últimos días un segundo caso de morte dun animal por envelenamento nun espazo público, Leiro apremia a que calquera "que vexa algo relacionado cun envelenamento debe denunciar". Dende a concellería diríxense tamén ás familias que sufriran este tipo de violencias sobre as súas mascotas, para que non deixen de presentar denuncias na Policía Local se se ven nesta situación xa que, polo momento, tal e como indica o edil de Seguridade Cidadá, non consta ningunha denuncia por envelenamento nos rexistros municipais.

Só a familia do pit bull Thor, que faleceu no mes de decembro tras inxerir, segundo a opinión veterinaria, algún veleno nas inmediacións do parque de Baltar, decidiuse a presentar un escrito no Concello recentemente, momento no cal se deu a coñecer a historia, e o Goberno local activou todas as alarmas. A pesar disto, insiste o edil de Seguridade Cidadá, pillar ao responsable in fraganti "non é doado". No caso do pit bull, a Policía Local e Emerxencias foron rastrexar a zona pero, indica o edil, "non atoparon nada". Aínda así, asegura, "denunciar o caso axuda, e dende o Concello imos estar vixilantes porque a alarma é grande". 

O envelenamento de animais é un delito tipificado no Código Penal e, tal e como advirte Leiro, "está penado con cárcere"

Tal e como asegura o responsable de Seguridade Cidadá, calquera atentado contra a vida dun animal, e concretamente o envelenamento, é un delito tipificado nos artigos 336 e 337 do Código Penal. "Paréceme incrible que haxa alguén que se adique a envelenar animais. Debe ter en conta que é un delito e está penado con cárcere", advirte Leiro.

Tal e como lembrou a presidenta de Peludos Invisibles, Maly González, o recente caso de envelenamento do boxer Yako que, tras inxerir algún tipo de veleno na zona da praia e porto de Portonovo faleceu en cuestión de horas, sen que o veterinario puidera facer nada pola súa vida, os envelenamentos de animais no municipio están a ser frecuentes. Nos últimos meses, algúns gatos de colonias sufriron tamén diversos envelenamentos, aínda que, segundo explican dende a asociación, puidéronse coller "a tempo". Este foi o caso de Filipo, un gato baixo a atención de Peludos Invisibles que sufriu un envelenamento na rúa, e que afortunadamente puido salvarse.

O edil de Seguridade Cidadá condenou tamén estes actos, e lembrou que tanto a Policía Local coma os servizos de Emerxencias do concello están "a disposición da cidadanía as 24 horas" e que, dende o Concello, seguirán "moi pendentes do tema". 

Avisar a Emerxencias e levar os cans suxeitos
O edil de Seguridade Cidadá de Sanxenxo, Jaime Leiro, indicou algunhas pautas a seguir ante un caso de envelenamento, e medidas de precaución a tomar estes días, nos que medrou a alarma social. Neste sentido, Leiro dispoñibiliza os teléfonos da Policía Local (986 727 072) e o de Emerxencias (986 720 000) para que calquera veciño que aprecie evidencias dun caso de envelenamento ou perigosidade nunha determinada zona chame "inmediatamente a estes servizos", co fin de que poidan acudir ao lugar e recabar probas, o que, "facilitaría moito poder dar con quen sexa o responsable".
Por outra banda, Leiro insistiu en que os donos de animais saian á rúa "con eles suxeitos, que é o máis correcto. Deste xeito, se van pola correa, é máis fácil evitar que inxiran calquera cousa que atopan, ou incluso unha seta velenosa". Neste sentido, explicou o concelleiro, o "uso puntual dun bozal podería evitar tamén que coman o que queiran". O edil chamou á veciñanza a que esté "vixilante" e "non deixe soltos aos cans na rúa", a fin de tratar de previr situacións coma as que se viviron nos últimos meses.

Comentarios