'Libre como o mar', o lema de Sanxenxo polo 8-M que lucirá no skate park

A artista Yolanda Martínez iniciará esta semana o pintado do mural a man no rocódromo, que se inaugurará o 8 de marzo
Simulación do mural que se pintará no skate park de Baltar. CONCELLO
photo_camera Simulación do mural que se pintará no skate park de Baltar. CONCELLO

O Concello de Sanxenxo conmemora este ano o Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo, baixo o lema Libre como o mar. A mensaxe, que xa se utilizou no proxecto do Día Internacional contra a Violencia Machista, o pasado 25 de novembro, cun deseño a cargo da artista local Yolanda Martínez, ten continuidade a través do Centro de Información á Muller (CIM), polo que, desta volta, inmortalizarase no rocódromo do skate park de Baltar, acompañado dunha pintura a man e cargada de simboloxismo mariñeiro. O lugar para o mural foi elixido por un espazo onde se concentran moitos xóvenes do municipio, polo que valerá para afianzar a mensaxe de igualdade e condenar a violencia contra a muller, algo no que leva anos incidindo o departamento que dirixe Daniel Arosa. "É moi importante que as novas xeracións e os mozos e mozas do municipio se eduquen en igualdade e rexeitando calquera acto violento contra a muller", indicou o concelleiro. Deste xeito, o Concello de Sanxenxo non pasa por alto o Día Internacional da Muller, e adapta a súa conmemoración ás circunstancias da pandemia, que este ano fixeron que se impulsaran este tipo de iniciativas, cargadas de simboloxismo.

O pintado do mural comezará esta semana a mans da propia artista, cunha dobre base de imprimación para dar logo ata catro capas de pintura acrílica e garantir a perduración do mural, a pesar dos roces da actividade no rocódromo. Inaugurarase o 8M coa lectura dun manifesto e o reparto de material divulgativo. Neste sentido, distribuiranse 100 bolsas, 100 máscaras e 100 pulseiras co lema Libre como o mar, nunha iniciativa financiada polo Pacto de Estado contra a violencia de xérnero do 2020.

A pintura que, tras a súa inauguración o vindeiro 8M lucirá para a posteridade no skate park de Baltar, está cargada de simboloxismo, e nela destaca a súa temática mariñeira, na que a protagonista é unha muller con pelo de ondas de mar, que se desprende das redes dun maltratador, algo que aparece simbolizado con dúas estrelas moradas e cos tentáculos dun polbo que se alonxa cara a un extremo da pintura.

No mural tamén está presente un barco de papel que simboliza a inocencia, e un faro que é a guía e esperanza da muller que sufriu os malos tratos. Da luz deste faro emanan as frases e palabras amor, respeto, igualdade, todos somos iguais, non é non e unión. 

Comentarios