Lista para saír a licitación a obra da Avenida Castelao da Illa de Arousa, por 1,2 millóns

A actuación suporá mudar por completo unha das principais rúas da Illa para humanizala 
Carmela Silva, en la Praza de Barcelos. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Carmela Silva, en una imagen de archivo. BEATRIZ CÍSCAR

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto de urbanización e recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao, un dos proxectos máis ambiciosos e esperados na Illa de Arousa e moi demandado pola veciñanza. O orzamento ascende a preto de 1,2 millóns de euros, dos que a Deputación asume máis de 810.000 euros (70%) e o Concello preto de 350.000 euros (30%).

A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou que con esta aprobación, o proxecto está xa listo para saír a licitación. A actuación suporá mudar por completo unha das principais rúas da Illa para humanizala, apostando pola mobilidade peonil e segura.

Esta rúa do centro urbano da Illa ten dous carrís, zona de estacionamento e beirarrúas e dedica a maior parte do espazo ao uso de vehículos a pesar de ser moi frecuentada polas persoas. Coa reforma proxectada, garantirase a accesibilidade universal na totalidade da vía, con itinerarios peonís continuos e libres e con plataforma única sobreelevada de prioridade peonil.

Tamén se deseñará unha vía de única dirección, instalaranse sistemas de calmado de tráfico para incrementar a seguranza viaria (velocidade máxima 20 km/h), e habilitarase un aparcadoiro con 18 prazas, amais da dotación dunha nova rede de alumeado público LED de alto rendemento. A avenida contará tamén con mobiliario urbano, xardineiras e árbores.

Comentarios