Loli Crespo: "Ser cantante é unha forma de vida. Pola maña levántome, poño as zapatillas e o instrumento hai que poñelo a funcionar"

A vida non foi fácil para esta soprano de Carril, unha vila, que como ela mesma di, é pequena pero ten moita arte 

 

20240118_JLO©_ LOLI CR(2)
photo_camera Loli Crespo. José Luiz Oubiña

Nacer, nacín en Moraña pero aos tres días estaba en Carril. Son unha nena adoptada e en Carril atopei a miña familia, da cal presumo, e alí casei e formei a miña propia familia. Tamén hai que dicir que naquel tempo a min marcoume o feito de sentir que tiña que ser a mellor en todo porque os rapaces enseguida che dicían "estes non son os teus pais", e nalgúns membros da familia tamén atopabas ese muro. Pero toda esa hostilidade tiña que convertela en algo positivo, tratando de ser mellor. Estudaba moitísimo. Eu quería estudar pero non había medios. Nesta situación, eu facíame o meu mundo paralelo. Escoitaba música e formábame interiormente.

A música foi o teu escape logo?
Eu creo que si. Recordo ser moi pequena e ter un tocadiscos que tiña o bolero de Ravel e eu púñao tantas veces que case o sabía de memoria. A min ese bolero servíame para saír adiante.

E saíches adiante.
Fixen o Bacharelato e custoume bastante porque na casa había unha persoa que estaba enferma e a vida de nena tiven que aparcala e converterme nunha persoa maior. A infancia non foi fácil.

O teu amor pola música nace en Carril?
En Carril tiñamos unha persoa que non sabía música pero que para min foi unha aprendizaxe do mellor: era o señor Manolo, o da Rondalla. Eu entrei na Rondalla e hoxendía non teño palabras para agradecerllo. Un home de mar, sen os medios que teñen hoxe para afinar os instrumentos, ese home sabía afinalos. E sobre todo a capacidade que tiña para a ensino musical.

Considéraste autodidacta?
Fun autodidacta ata que me puiden permitir ir ao conservatorio, cando xa pasaran moitísimos anos. Tiven un profesor boísimo que se chama Alfonso Galván que é de Vilagarcía. Pasaron moitos anos ata que puiden facer as probas de acceso, preparadas por min para poder ir. Eu empecei en Vilagarcía e rematei no Conservatorio de Vigo.

Así cumpres o teu soño.
Ese era o meu soño, pero antes diso eu casei xoven, tiven tres fillos, tiña xente na casa dependente e tiña que atender un traballo porque hai hipotecas que pagar, e tiven que fregar colexios 16 anos da miña vida; pero seguín estudando. A música seguía comigo ata que saquei todos os estudos en Vigo.

É certo que estudabas mentres facías a marea?
Levaba unha gravadora, ía aos viveiros dos meus pais, deixaba o coche aparcado, poñía a funda, baixaba ao mar, facía a marea, collía o coche e marchaba outra vez para as clases. Levaba a gravadora porque as miñas clases tiñan que ser moi aproveitadas.

Fúcheste abrindo portas coa túa voz?
A natureza foi xenerosa comigo e abríame as portas a miña voz. Empecei en Coruña cun dos mellores mestres que era Antón de Santiago, de Coruña pasei ao Conservatorio Superior de Vigo e despois as cousas foron traballando día a día.

Cando te escoita a famiia?
Deixeinos un pouco sen palabras. Foi na casa da cultura de Vilagarcía e ao pouco tempo inauguramos o auditorio de Vilagarcía con profesores do Conservatorio de Vigo e despois de varios concertos con eles xa entrei noutra dinámica. Tamén fixen cursos de ópera coa catedrática de Viena, Helena Lazarska, na escola de Santiago, unha gran pedagoga. Foi un luxo para min poder estar neses cursos.

E ese momento no que sentes que xa o conseguiches?
Creo que aínda non chegou porque o dia que chegue creo que xa o deixo todo. Porque sempre estou aprendendo.

E ese lugar, esa actuación que te marca?
Cando tes que empezar de tan abaixo, respetas moito máis o traballo dos demais. E cando cheguei a cantar con Martí Caballé e Cecilia Berganza, a filla da gran Teresa Berganza, ou Luis Santana cantando na miña lingua que tanto amo, neses momentos sentinme moi ben.

Es unha diva?
É que cada un é unha diva no seu. Porque cando eu ía ao viveiro, tamén era unha diva mo meu. Todos son divos no seu se se fai ben. Eu son unha diva cando piso un escenario, vou facer o meu traballo e cando baixo dese escenario acabouse o traballo. O momento é efémero. Iso pasa.

Cantas como sentes?
Se teño que expresar unha alegría, sentina. Se teño que expresar unha amargura tamén a sentín. E iso todo, como a voz é un instrumento vivo, fai que sexa real. Non é nada escrito nun libro senón que ti, coa túa voz e forma de expresalo chegas á xente ou non chegas.

A túa voz é a túa arte.
Igual que un pintor pon o seu sentimento en cada pincelada, nós depositámolo na voz.

E a técnica?
A técnica sirve para favorecer e facilitar que o meu instrumento, con menos esforzo, poida aproveitar todo en favor da expresión. A voz é o instrumento máis perfecto da natureza.

A voz é un milagro?
A voz é un milagro como a vida. Nacemos cun instrumento co que nos comunicamos. Nese momento poñemos a funcionar un instrumento de precisión que non nos paramos a coñecer.

Que sintes ao mirar atrás?
Teño un sentimento de satisfacción. Porque os soños cúmprense. Non hai que pararse en quen che diga: non podes. A cada non podes hai poñer máis forza. Ninguén ten o dereito de dicirlle a ninguén: non podes. Pero os camiños non son todos rectos. Hai moitas curvas, moitas singladuras, pero de todas elas se pode quitar sempre algo positivo para avanzar.

Como?
Autoalimentándote. É certo que vivimos nun mundo de presas onde todo o mundo pasa por riba de todos. Onde parece que todo vale. Pero antes de molestar a unha persoa ou a un compañeiro hai que pensar que o traballo é sagrado, porque vivimos do noso traballo.

20240118_JLO©_ LOLI CR(6)

Por que hai tanta música en Carril?
Carril non sei que ten, pero ten moita arte. Non é que saian todos os días cantantes lirícas, pero grandes voces si. E tamén moitas artes. É un sitio pequeno onde temos pintores, escultores, onde a xente ten esa cousa especial.

Como son os carrilexos?
Eu amo Carril. Síntome carrilexa, mariñeira, parquista. Xente noble, de palabra. Xente sencilla, sabios. Temos en Carril o Parlamento e alí depártese se o mar sube ben. É un anaco de Vilagarcía que conserva ese embruxo do pobo mariñeiro. Ser de Carril é un dos orgullos que teño.

E ti como es?
Unha ama de casa normal e corrente que ten fillos, unha vida e un traballo. Coa sorte de que o meu traballo pode consistir en ir á Catedral de Santiago a cantar. Pertenzo ao coro de capela da catedral.

Todo un logro.
Un orgullo grande. Chegar a cantar na catedral, poder cantar no teatro máis grande que temos cara o mundo e a inmensidade de sentirte alí poñendo a túa voz...

Ese día creches en Dios?
Eu creo no ben, en todo o que é universal. Creo no Dios de todos en xeral. Creo nun ser superior, creo que hai xente boa e xente mala. Creo. E ese día sentinme moi ben, con Dios.

Como te fai sentir a túa arte?
Faime sentir máis sensible.

Vulnerable?
Faite ser máis vulnerable porque non podes pasar sen mirar a teu redor. De largo, nunca.

Arrepínteste de algo?
Non, porque todas as circunstancias se as levas polo camiño da aprendizaxe e de autoalimentarte do que fixeches, do que viviches... eu son como son, fago a música que fago e canto como canto.

E cando estás na casa, que cantas?
Ser cantante é unha forma de vida. Pola maña levántome, poño as zapatillas e o instrumento, como son uns músculos, hai que poñelo a funcionar. Hai que facer exercicios e parezo un moscardón. Canto de todo, zarzuela, canción galega, ou Mozart que me relaxa moito.

Como te achegas á música galega?
Daste conta que non é menos importante que outra moita música de cámara. Hai uns investigadores que te ensinan música que teñen eu voulle poñendo voz no primeiro disco (Saudades D"alborada, baladas e zarzuelas galegas) ata chegar agora ao segundo (No meu peito) que é un pouco máis aberto con música contemporánea. Así coñecín a Xohan Trillo que é un dos mellores compositores que temos en Galicia. Javier Jurado foi moi xeneroso e ás catro obras de Anxel Rodulfo, recollidas no Consello da Cultura Galega, puxémoslle voz. Alejo Amoedo tamén é moi importante na miña traxectoria e puxémoslle voz a Soutullo. E Margarita Viso que é outra compositora galega de relevancia. É un traballo moi vivo por iso a portada ten un corazón que é o meu sentimento.

Por que escolliches esta canción para esta conversa?
É unha peza de Baldomir que sempre levo comigo. A importancia que ten a patria, ese cachiño de terra que é teu. O que eu quero ter ao meu carón e non quero que me falte, e despois o resto que veña.

Test de vida

Unha palabra?
Amizade.

Un lugar?
Carril.

Unha persoa?
Non podo esquecer a meu pai, a meu home, a meus fillos.

Unha personaxe?
Rosalía de Castro.

Alguén imprescindible?
A miña familia é imprescindible, Pablo, Yago, Cristina, Carlos.

Alguén importante?
Na miña carreira, a xente que me está acompañando. Na música galega, Alejo Amoedo, Javier Jurado. Na música antiga, a catedral de Santiago.

Un obxecto?
Un libro.

Que é a vida?
Eu imaxino a vida como se fose un tren. Colles o tren e vas parando en estacións. En cada unha delas colles xente, cultura, e noutras estacións algúns van baixando porque non teñen que facer contigo todo o percorrido. Pero ao final queda o camiño que fixeches. Iso é a vida para min.

Comentarios