A lonxa de Portonovo abre a porta ao turismo

A Cofradía de Pescadores reinventa este verán as visitas guiadas á lonxa e móstralle aos turistas o seu funcionamento, historia e as artes de pesca
Asistentes á visita guiada pola lonxe que se levou a cabo este xoves. DP
photo_camera Asistentes á visita guiada pola lonxe que se levou a cabo este xoves. DP

A riqueza de Portonovo como vila mariñeira, explicada en vivo e de primeira man polos profesionais dun sector que é a esencia e a actividade económica fundamental do lugar, ábrese este ano por primeira vez ao turismo, coa organización dunhas visitas guiadas pola lonxa que dende a Cofradía de Pescadores San Roque de Portonovo non dubidan en alcumar "Lonxa Tour 2.0". Pois trátase dunha variante aos percorridos que, durante o curso, realizan os colexios dos municipios dos arredores, e que chegaron a ser moi exitosos, con aforos completos ao 100% en tempadas pre pandemia.

Aínda que esta iniciativa non decaeu, xa que, segundo explica o patrón maior da Cofradía, Juan José Besada, "seguimos traballando cos colexios, para que os rapaces saiban que hai unha saída para eles neste pobo, e que o mar é algo do que se pode vivir", este verán o turismo será o protagonista da lonxa, iso si, cun aforo adaptado á nova realidade da pandemia.

As visitas guidas que, polo momento, celébranse os luns e xoves, están a espertar un grande interese entre o turismo nacional que xa chegou a Sanxenxo durante os primeiros días de xullo. Neste sentido, tal e como explicou dende a organización das visitas, María Soto, "o maior volume de turistas que estamos a recibir son de Madrid e Córdoba, aínda que tamén temos algúns que proceden de diferentes lugares de Galicia, como A Coruña". Os dous primeiros grupos da semana, de 20 e 15 persoas, respectivamente, mostráronse "moi interesados polas explicacións que ofreceu a guía que os acompaña en todo momento, e tanto os maiores como os pequenos quedaron contentos", aseguraron dende a organización. Precisamente, unha das actividades máis atractivas do percorrido, que se estende arredor dunha hora e 20 minutos de duración, é ver a subasta das 19.00 horas en vivo e en directo. Neste sentido, explicou Soto, "así aprenden a identificar o peixe que mercan nas prazas de Abastos, para saber o que están mercando, cal é o de mellor calidade, e moitas outras cousas que lles poden resultar útiles tanto nas súas vacacións en Sanxenxo coma no seu día a día".

Os visitantes poden coñecer os tipos de embarcacións, as artes de pesca da zona, e asistir en vivo a unha subasta

O grupo deste xoves, que se reuniu ás 18.30 horas na porta da lonxa, puido coñecer, tal e como marca o percorrido, a antiga entrada da lonxa, así como as últimas remodelacións que se levaron a cabo a causa dos estragos perpetrados polos temporais, coa remodelación do peirao. Ademais, tamén coñeceron de primeira man a historia da Cofradía de Pescadores de Portonovo, organizadora das xornadas, e que conta con varias décadas de traxectoria ás súas costas nunha profesión que "foi mudando na zona ao longo do tempo". Nese sentido, unha das primeiras cousas que se lles explica aos grupos é a qué se adica a Cofradía, nun entorno no que, antigamente, "o cerco era importante" e, sen embargo, agora "só quedan catro barcos en Portonovo que se adican a esta arte de pesca", que consiste en acurralar aos bancos de peixes dispoñendo unha gran rede ao seu redor. A pesar disto, a explicación sobre a arte do cerco ofréceselle aos visitantes con moito detalle, xunto ás artes menores que se levan a cabo na contorna, ao igual que o manexo das nasas, e o procedemento para pescar polbo, ourizos ou navallas.

Os turistas tamén teñen ocasión de coñecer durante a visita os tipos de embarcacións, grazas a un percorrido polo peirao coa súa correspondente explicación, ademais da antiga zona de subasta da lonxa. Se o tempo chega para todo o percorrido, explican dende a organización, faise obrigatoria unha visita ás redeiras, un oficio que, dende a Cofradía, procuran enxalzar, polo seu compoñente de tradición e pola necesidade da súa existencia dentro do mundo da pesca. "É interesante ver como traballan as atadoras no peirao. Trátase dunha saída laboral relacionada co mar que nos gusta mostrarlles aos rapaces do pobo, xa que hai necesidade deste oficio, e actualmente non hai atadoras que teñan formación", asegura o presidente da Cofradía.

No sucesivo, as visitas continuarán durante a semana, con previsión de que poidan abranguer máis días se a demanda o require. "É unha boa opción para coñecer a esencia deste pobo e o que aquí se fai, para quen dispoña dunha hora durante a súa visita ao municipio", asegura Besada.

Visitas guiadas Prezos populares e agasallos

As persoas interesadas en asistir ás visitas guiadas polo entorno da lonxa e o peirao de Portonovo poden facer a súa reserva chamando ao teléfono da Cofradía (986 72 08 02) e programar unha visita para os luns ou os xoves. A entidade tamén dispón do enderezo electrónico cofradiaportonovo@ gmail.com. As visitas teñen unha hora de duración, dende as 18.30 horas, e están dirixidas a adultos (5 euros) e nenos, con prezos populares. Dos seis aos 12 anos deben abonar 4 euros, mentres que de cero a seis anos a entrada é de balde. 

Durante o percorrido, os cativos recibirán como agasallo un xogo de mesa con motivos mariños, e os adultos uns folletos onde poderán atopar distintas receitas do mar.

Comentarios