sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

López comprométese a acurtar os prazos de execución do enlace entre a VG 4.1 e a PO-504

López, Martín e representantes da Axi visitaron este luns a zona da obra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
López, Martín e representantes da Axi visitaron este luns a zona da obra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O delegado territorial da Xunta respondeu a unha petición formulada polo alcalde de Sanxenxo, co obxectivo de acelerar o remate da obra para o Nadal ►Ambos supervisaron o inicio dos traballos, que mellorarán a fluidez dunha conexión que soporta ata 30.000 vehículos diarios

Para o Nadal. É o novo prazo de execución da obra que mellorará a conexión do enlace entre a vía rápida e Sanxenxo dende O Grove, despois de que o delegado territorial da Xunta, Luis López, se comprometese a "facer o posible" por acurtar o prazo orixinal de seis meses, dando resposta a unha petición pública formulada este martes polo alcalde, Telmo Martín, durante a xornada na que deron comezo os traballos na vía. Se ben o prazo inicialmente previsto excedía a tempada de Nadal ata marzo, Martín incidiu na necesidade de "tela rematada para este Nadal, que sabemos que é unha tempada non tan forte como agosto, pero si moi importante para nós, e sería moi bo estar aquí xa sen obras".

Pola súa banda, López destacou a importancia de solventar as carencias dunha vía que "en momentos puntuais do ano soporta un tráfico de ata 30.000 vehículos diarios" e explicou que "nesta época do ano cara a que imos, e na que inflúen as condicións meteorolóxicas", acurtar prazos "semella complicado". Sen embargo, afirmou que "por parte da Xunta e da empresa imos facer un esforzo, e considero que os prazos de execución pódense acurtar". Ademais, puxo de manifesto que os traballos estanse a desenvolver deliberadamente ao remate da tempada estival na que considerou "a capital do turismo en Galicia", para causar a menor molestia posible "ao desenvolvemento da actividade que hai en torno a Sanxenxo". Neste caso, afirmou, "vanse realizar no último trimestre do ano coa fin única de interferir o menos posible na vida de Sanxenxo".

López explicou que esta actuación vai precisar, pola súa complexidade técnica, de cortes de tráfico e de desvíos alternativos durante os tres vindeiros meses, e aproveitou a súa visita á zona para comprobar que os accesos habilitados por outras vías da contorna están a funcionar axeitadamente nestes primeiros días.

De acurtarse o prazo de execución segundo a petición formulada pola Alcaldía, a obra estaría rematada en tres meses. Os traballos consisten na reconstrución do ramal que conecta a Autovía do Salnés (VG 4.1) coa PO-504 para os vehículos procedentes do Grove, dotándoo dun radio de xiro máis aberto que facilitará o acceso na entrada da localidade de Sanxenxo. Deste xeito, poderase eliminar o stop existente nesta zona e evitar a ralentización do tráfico, o que, tal e como engadiu o delegado territorial, ademais de desconxestionar os atascos da zona, serviría para evitar a sinestralidade nun punto no que estes episodios adoitan ser frecuentes. Así, no canto de facer o stop, os vehículos que se incorporen a Sanxenxo terán unha saída directa.

O proxecto, impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través da Axencia Galega de Infraestruturas (Axi), está orzamentado en máis de 300.000 euros e supuxo a expropiación dun total de sete parcelas, que por un importe de 20.000 euros. Prevese tamén a ampliación da plataforma da estrada entre as glorietas do enlace e a introdución de novos elementos e renovación da sinalización existente.

López comprométese a acurtar os prazos de execución do enlace entre...
Comentarios
ç