Luisa Piñeiro: "Sanxenxo logrou ter os mellores resultados de turismo en España"

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra centrou este luns a súa visita ao municipio na situación do sector turístico e na mellora de infraestruturas como a PO-308
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro, este luns no Concello. AGN
photo_camera O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro, este luns no Concello. AGN

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitou este luns Sanxenxo nunha primeira toma de contacto para coñecer "da man do alcalde" as principais demandas e problemáticas do municipio. Piñeiro agradeceu a Telmo Martín a súa acollida, e mantivo unha reunión de traballo durante a mañá na que, sobre todo, o alcalde quixo tratar a situación do turismo no municipio durante e tras a pandemia. Neste sentido, Piñeiro destacou Sanxenxo como "un concello turístico por excelencia en Galicia" que "superou ese récord de turismo nun ano tan complicado como é o da crise sanitaria, e sen embargo logrou ter os mellores resultados de turismo en toda España".

A pesar dos bos resultados da pasada tempada alta, na que non houbo que rexistrar graves incidentes, Piñeiro destacou tamén a Sanxenxo como un concello "preocupado", xa que "non é fácil ser un concello turístico nestes momentos". Así, durante a reunión coa delegada, o alcalde quixo abordar a situación económica que atinxe, sobre todo, ao sector hosteleiro do concello, que este ano tivo que atravesar unha situación diferente, e que afronta agora unha entrada no inverno que debe encarar despois dun verán tan atípico.

PO-308. Unha das asignaturas pendentes que tamén se abordaron na reunión foi a actuación na PO-308, na saída cara Sanxenxo en dirección ao Grove, no tramo que vai dende Pontevedra ao Grove. Piñeiro asegurou, despois de que Martín lle trasladara a súa preocupación, que "dende a Xunta de Galicia imos a colaborar para que iso sexa unha realidade xa mesmo", e confirmou a posta en marcha das obras nun futuro próximo, "ao igual que se fixo toda a obra na parte alta de Sanxenxo, como é a rúa Progreso", reformada os últimos tempos con dotación de novas beirarrúas, rotondas, e outras melloras.

A delegada asegurou que "hai que seguir traballando e facer que as infraestruturas sexan viables para o turismo, xa que son fundamentais para que este turismo chegue ao Concello". Ademais, destacou "o gran traballo" do alcalde, que "quere continuar con esas melloras para que a accesibilidade ao concello sexa moito máis atractiva".

Piñeiro tamén garantiu que, no sucesivo, "continuaremos noutra dirección, como é a fachada marítima da parte da ría de Arousa".

Comentarios