Máis de 1.500 nenos e nenas pasarán polos campamentos da Lanzada

A Deputación renova as instalacións do Grove no verán da recuperación das convivencias infantís ►Un taller de mulleres científicas e a feira romana 'Arde Lanzadus', entre as novidades
Playa de A Lanzada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ADP)
photo_camera Praia da Lanzada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ADP)

A Lanzada, un paseo pola historia é o eixe temático baixo o que se celebrarán os campamentos de verán na Lanzada que promove e xestiona a Deputación de Pontevedra. Serán 1.540 nenos e nenas de toda a provincia os que pasarán, entre o 26 de xuño e o 10 de setembro, por estas convivencias estivais, que levaban dous anos sen celebrarse a causa da pandemia.

As 140 crianzas da primeira quenda xa están no campamento. En total haberá once, de sete días de duración, ata o final do verán. A rapazada que participa ten entre 8 e 13 anos. Os 70 integrantes de cada quenda estarán repartida en oito grupos segundo a súa idade.

A presidenta provincial, Carmela Silva, lembrou o martes que nestes campamentos, que se agrupan baixo o lema Depo Aventura na Lanzada, se realizan "actividades culturais, de coñecemento e deportivas". Ao tempo tamén informou de que a Deputación levou a cabo este ano unha renovación das instalacións "ampliando as tendas e mellorando e modernizando o recinto".

Neste sentido, a presidenta explicou que, mentres nos anos anteriores á pandemia o número de crianzas por tenda era de cinco, agora é de tres, "para maior comodidade dos menores". A maiores, tamén se ampliou a zona de comedor e se acondicionou a de arboredo.

INGLÉS. En canto ás actividades, que se complementan cunha iniciación á inmersión lingüística en inglés, Carmela Silva destacou dúas novidades: un obradoiro de mulleres científicas e a feira romana Arde Lanzadus. Sobre o primeiro explicou que nel se realizarán experimentos caseiros tendo como referencia outros levados a cabo por distintas mulleres ao longo da historia. Á parte haberá excursións ao Monte da Siradella e a Ons, xogos nocturnos e, para rematar, unha gran festa ao remate de cada semana.

A maiores, nos meses de xullo e agosto, en coordinación coa Asociación de Persoas Xordas Xoga, realizaranse actividades para que as crianzas se acheguen á linguaxe de signos. "Porque nestes campamentos tamén queremos educar en valores". Igualmente, a presidenta lembrou que a cativada con necesidades especiais contará con persoal de apoio especializado.

Consulta aquí todas as actividades do campamento Depo Aventura A Lanzada

Comentarios