Máis de 200 persoas velarán pola posta a punto das festas de Vilagarcía de Arousa

A programación lúdica inclúe máis de 100 iniciativas, tal e como lembra o Goberno municipal
La cita congrega cada año a miles de personas. DAVID FREIRE - Festa da Auga
photo_camera Festa da Auga. DAVID FREIRE

Despois da Xunta de Seguridade celebrada hai uns días, na que se decidiu que a presenza policial se multiplicará por catro nos días principais das festas de San Roque, o Goberno local de Vilagarcía de Arousa reuniu este venres a todas as concellerías, departamentos e servizos implicados na intendencia do programa, que contén máis dun cento de actos, algúns deles multitudinarios, como serán as actuacións musicais. Obras, Electricidade, Limpeza, Xardíns, Medioambiente, Cultura, Turismo, Policía, Protección Civil, Igualdade e Comunicación foron os asistentes, representados por concelleiros, técnicos e xefes de servizo. En total serán máis de duascentas as persoas que participen dun xeito ou outro nas labores de organización dunhas festas declaradas de interese turístico nacional.

Ao longo de tres semanas haberá que mover, instalar e recoller mesas, cadeiras, conexións eléctricas e de son e, por suposto, haberá que garantir tanto a seguridade como a limpeza dentro dun programa que inclúe actos de pequeno formato, como os do Festaclown, o cine ou concertos a pé de rúa, pero tamén outros multitudinarios, como a Festa da Auga, o Combate Naval, as Carrozas, os concertos na Xunqueira, as Revenidas de Vilaxoán e a Ameixa de Carril. A todo isto súmanse outras celebracións como o San Roque de Carril, que tamén precisan da colaboración do Concello.

Por último, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, que dirixiu a reunión, expresou o seu convencemento de que as festas de San Roque serán, tamén na intendencia, un éxito.

Comentarios