sábado. 26.09.2020 |
El tiempo
sábado. 26.09.2020
El tiempo

Malestar entre veciños e comerciantes polas obras de Progreso e das rúas adxacentes

Obras na rúa Progreso no mes de xaneiro. DAVID FREIRE
Obras na rúa Progreso no mes de xaneiro. DAVID FREIRE
As inundacións ou o resultado das actuacións en Consistorio e Carlos Casas son o foco das críticas do PSDG-PSOE

Os comerciantes da rúa Progreso afectados polas inundacións ao longo das últimas semanas a causa do desnivel existente entre a beirarrúa e a entrada dos seus locais continúan a demandar unha solución para a súa situación. "O Concello está informado do problema, pero aínda non moveu un dedo para solucionalo". É a queixa trasladada polo propietario dun dos locais á voceira do PSDG-PSOE de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza, quen nos últimos días estivo a manter charlas coa veciñanza da zona. Segundo Fervenza, as obras na rúa Progreso e nas adxacentes están a provocar un "gran descontento" entre residentes e comerciantes da zona.

ADXACENTES. A finalización dos traballos de mellora nas rúas Consistorio e Carlos Casas tamén foi o foco das críticas nos últimos días. O resultado das obras na vía, que precisaba unha mellora do pavimento e na que "era necesario subir o perfil para suavizar a unión coa rúa Progreso", non agradou a parte da veciñanza que, segundo traslada a voceira do PSDG-PSOE, "quéixase de que o acabado escollido sexa o cemento". Ambas vías, adoquinadas en pedra na súa meirande parte, dispoñen agora de tramos de cemento. "Dá a sensación de que quedaron sen cartos e deixaron a obra a medio rematar", é o comentario dunha veciña da vila. "A transición entre uns materiais tan distintos é moi brusca e pouco estética", criticou Ferveza. "Esta intervención demostra que os señor Telmo Martín non ten ningún respecto polo pouco patrimonio que temos dentro do núcleo urbano de Sanxenxo. Substituir unha pedra de centos de anos por un chan liso de cemento é consecuencia da súa obsesión pola formigoneira e o ladrillo", engadiu.

Fervenza tamén quixo trasladar "o descontento dos rexentes de comercios e restaurantes da rúa Madrid", que veñen de presentar un escrito no Concello "para ver se conseguen que, despois de tantos meses, alguén lles informe de como van quedar as cousas unha vez rematadas as obras", sinalou.

Fervenza cre que a duración das obras, así como os cambios de sentido que tiveron lugar como resultado das actuacións na zona "están a ter un impacto económico nos negocios da rúa, que pasaron de ter un tráfico rodado e peonil abundante a ser unha zona morta á que so acceden os residentes". "Cando un Concello toma unha decisión desta magnitude ten que ter en conta como vai afectar á comodidade e á economía da xente que vive todo o ano en Sanxenxo. Está moi ben baleirar o tráfico para que os turistas poidan pasear por Silgar dous meses ao ano, pero os comerciantes e os residentes teñen que sobrevivir", concluíu Fervenza.

Malestar entre veciños e comerciantes polas obras de Progreso e das...
Comentarios