A Mancomunidade inaugura o obradoiro de hostelería no Náutico de Sanxenxo

Conta cun investimento de 346.946 euros por parte da Xunta 
A presentación do obradoiro, este mércores en Sanxenxo. CEDIDA
photo_camera A presentación do obradoiro, este mércores en Sanxenxo. CEDIDA

A Mancomunidade do Salnés inaugurou este mércores a XII edición do obradoiro Hostelería do Salnés, que conta cun investimento de 46.946 euros por parte da Xunta de Galicia. O encontro, que tivo lugar no Real Club Náutico de Sanxenxo, contou coa presenza da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, así como do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e da presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Meis, Marta Giráldez.

O obradoiro formará durante nove meses a 20 persoas desempregadas nos módulos de Cociña e Operacións Básicas de Bar e Servizo de Restauración e ademais, pola súa concepción dual, daralles a posibilidade de optar a contratos de prácticas de tres meses, ao seu remate, en empresas da zona para completar estas ensinanzas.

A directora xeral de Formación e Colocación non dubidou en reafirmar o seu "compromiso coa formación laboral global en todas as áreas, pero indubidablemente no sector da hostelería aínda é máis grande, porque así nolo demandan os concellos e os empresarios deste ramo, que cada vez nos piden traballadores máis preparados ante o aumento constante e crecente da súa clientela e do turismo, máis aló de que agora estamos nunha difícil situación puntual pola pandemia". Lado enmarcou este obradoiro no Salnés, xunto co de Vilanova de Arousa, nas medidas de apoio ao sector para "estar nas mellores condicións" cando se supere a crise sanitaria. "Este tipo de programas son máis necesarios que nunca".

O alcalde de Sanxenxo agradeceu á Xunta a súa "aposta por este obradoiro", así como aos membros da Mancomunidade e "aos que fan isto posible". Martín salientou a disposición do Náutico de Sanxenxo, ao ceder as instalacións á Mancomunidade "prácticamente gratis" e dirixiuse ao alumnado, procedente de Sanxenxo e de todo o Salnés na súa totalidade, para parabenizalo pola escolla "dunha profesión que fai que as comarcas coma a nosa crezan, e máis nun ano tan difícil".

Comentarios