Mar Cuba: “Hai que recuperar a lingua de signos galega”

Residente en Vilagarcía, e nai fun fillo, Mar fala das súas ensinanzas como mestra e intérprete de linguaxe de signos, sobre o galego neste ámbito e as súas emocións
photo_camera Mar Cuba. JL OUBIÑA
A miña historia
Vivo en Vilagarcía de Arousa, son nai dun rapaz de 8 anos e dedícome á interpretación da lingua de signos. Traballo en centros educativos. A miña familia procede de A Coruña; pero de pequena, os meus pais trouxéronme ao Salnés e aquí estamos arraigados. 

Cómo entras na linguaxe de signos?
Se cadra todo é resultado dunha vocación inexplicable. Decidín estudar maxisterio porque me interesaba traballar con persoas xordas. No meu entorno non había persoas xordas pero era algo que me interesaba profundamente. Fixen maxisterio, fixen cursos de lingua de signos e ao final dos estudos chegan as decisións: opositar ou outras alternativas. Pero ese ano non convocaron oposicións e había un ciclo de interpretación de lingua de signos.

Dalgunha maneira, estábase abrindo o teu camiño?
Pode que si. Unha estudante sempre se plantexa aproveitar o tempo así que rematei ese ciclo coa idea de seguir coas oposicións de maxisterio; pero a vida levoume pola lingua de signos. Empecei a traballar nunha asociación de xordos como intérprete e durante uns anos estiven neste tipo de servizos. Máis adiante entrei na educación: institutos, un tempiño na universidade e, desde hai uns anos, traballo en colexios infantiles e primaria. Eu son intérprete de persoas xordas e guía intérprete de persoas xordo-cegas. Hai que falar de persoas xordas, non xordomudas, o termo é xordas. 

Mar alza lixeiramente as mans, cerra os dedos, peta suavemente no seu peito, lévase os dedos aos labios e lánzaos polo aire, como nun bico intenso e feliz.  Acaba de dicir: A vida é fermosa. 

Existe o galego en lingua de signos?
Hai un intento de recuperar unha lingua de signos galega. Hai persoas de certa edade que aínda usan signos desa lingua propiamente galega, sobre todo pola zona de Santiago porque era onde estaba o centro onde acudían estas persoas maiores cando eran novas. Esa era a súa forma de comunicarse. En España a lingua de signos é unha lingua oficial desde o ano 2007, pero só temos dúas linguas de signos: a española e a catalana. En Galicia usamos a española pero hai moitas variantes, igual que temos diferentes formas de falar entre Vilagarcía, Vigo, Coruña ou Cangas. Isto pasa tamén na lingua de signos. Hai intentos de recuperar a lingua de signos galega porque o risco é perdela; pero non é unha lingua normativizada. Nin rexistrada. Necesítase axuda institucional ou colaboracións para ollar ao futuro con optimismo.

Mar Cuba. JL OUBIÑA2
Mar Cuba. JL OUBIÑA

Cal é o ambiente profesional que máis te motiva?
Traballar en colexios é o que máis me aporta. A nena coa que estou agora, empecei con ela cando tiña catro anos. Falo de nenos con familias oíntes, é dicir, que non comparten a mesma forma de comunicarse. Entón esta nena chega ao centro sen un sistema de comunicación e aínda que non é o traballo dun intérprete dar formación, ou ensinar unha lingua, encóntraste cunha persoa que non ten recursos comunicativos e hai que buscar a forma para que ela nos entenda, para darlle recursos que ela poida expresar. Ese traballo, esa relación é o que máis me enche. 

Aprenderlle lingua de signos a un rapaz é igual que ensinar unha lingua estranxeira?
Non. Estamos falando dun proceso de adquisición dunha primeira lingua. Está demostrado que a lingua sustenta o pensamento, e ese é o apuro: que a medida que van medrando teñen que adquirir unha lingua, uns recursos comunicativos para ir formando o seu pensamento. Os bebés adquiren a lingua por imitación. Neste caso non hai referentes. Para contar contos hai que partir de obxectos reais ou debuxos para que haxa algo concreto ao que lle poñer un signo, e pouco a pouco van integrando ese vocabulario e van adquirindo recursos.

Algunha vez choraches na túa interacción cos teus estudantes?
Si. Por frustración co sistema. Nun colexio, traballaba cunha nena xorda de orixe rusa, con lingua de signos rusa, con pais e irmán rusos signantes, e cando cheguei á escola para traballar con ela descubro que xa tiña unha lingua e comezamos a traballar con ela con resultados moi positivos. Pero logo, por temas administrativos, un día chaman para dicirme que me trasladaban a outro centro e a nena quedou sen recursos para comunicarse. Isto durou varios meses e a nena choraba, e eu falaba co centro para que alguén ocupase o meu posto. Foron momentos difíciles, de frustración sobre todo.

As mans ascenden e crean unha figura no aire guiada polos dedos maimiños que irradian. Mar acaba de dicir: estou moi feliz. Agora, a man dereita tira duns fíos invisibles que fan que o rostro engurre e a boca chore. Mar acaba de dicir: estou triste. Unha man sobre a outra no peito mentres o rostro se ilumina. Mar acaba de dicir: quérote moito. 

O implante coclear é unha solución para as persoas xordas?
Un implante coclear é un aparato electrónico pequeno e complexo. Sirve para axudar a dar unha sensación de son a unha persoa profundamente xorda ou que ten problemas graves de audición. O implante ten dúas seccións. Unha sección externa que se coloca detrás da orella e outra que se coloca debaixo da pel a través dunha cirurxía. Eu vin casos de funcionar de marabilla. Vin a un neno cantando e oíndo a quen lle falaba de costas. Pero esixe moita implicación da familia e moito traballo personal. Un implante non recupera a audición normal.

Mar Cuba. JL OUBIÑA3
Mar Cuba. JL OUBIÑA

Como é unha xornada laboral na túa profesión?
Entro no mesmo horario que a comunidade educativa. Estou na aula, teño a miña cadeira a carón da nena, porque necesita proximidade neste momento. A profe explica e eu falo en lingua de signos para a nena. Tanto o que os compañeiros falan como o que a nena quere comunicar. Tamén estou no que é aportar recursos ao resto da aula para que se poidan comunicar de forma autónoma coa nena. No recreo eu non estou con ela. Nas aulas especiais tamén estou e mesmo se ten que facer algún recado como ir á secretaria. Son a súa sombra. Resulta emocionante ver a receptividade dos compañeiros de clase que tamén queren aprender a lingua para comunicarse. De feito, agora cando fan algunha actividade na escola procuran incluir algo con lingua de signos. 

As súas dúas mans voan pintando algo así como as alas dun paxaro. Mar acaba de dicir adeus.

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Luz (levanta unha man e desplega os dedos)
Un lugar?
Praia (os brazos móvense como nadando a media altura)
Unha persoa?
Meu fillo (as mans en paralelo fan unha figura delicada de arriba a abaixo)
Unha personaxe?
Buda (xunta os dedos polgar e furabolos) 
Alguén importante?
A miña cadela Lolita (tócase o nariz)
Un obxecto ou unha cousa?
Unha bola de cristal (As mans crean unha esfera)
Alguén imprescindible?
A profe Carmen (leva a man a altura do pescozo movendo os dedos)
Que é a vida?
Cada momento. Un camiño onde disfrutar cada paso, con atrancos incluidos. Pero para disfrutar cada momento.

Comentarios