En Marea carga contra o "uso partidista" da web

O espazo virtual do Concello non cumpre a Lei de Transparencia, afirma o colectivo

Ediles del Gobierno municipal, durante el Pleno del día 24. RAFA FARIÑA - Sanxenxo
photo_camera Ediles del Gobierno municipal, durante el Pleno del día 24. RAFA FARIÑA - Sanxenxo

Somos En Marea Sanxenxo ten previsto tramitar unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, ao entender que o bipartito utiliza "de forma partidista" a páxina web municipal, un feito que, na súa opinión, provoca "desinformación entre os veciños".

O colectivo apunta que calquera usuario que acceda ao espazo virtual do Concello "pode verificar que é difícil encontrar a documentación de calquera dos proxectos sen guía previa, e, unha vez encontrada, esta información está incompleta". Neste caso, 'Somos' refírese concretamente aos detalles do proxecto de reforma da rúa Progreso. "Faltan os anexos", denuncia a agrupación local, que entende que o servizo que presta a web é "deficiente".

Ademais, En Marea Sanxenxo afirma que "os grupos políticos estamos sufrindo un veto continuo" desde o punto de vista informativo, posto que "levamos solicitando diferente documentación de carácter público durante todo o mandato, sen que nin sequera se nos dese unha resposta, o que supón un incumprimento da lei". E é que, tal e como lembra a directiva de Somos en Marea, os partidos da Corporación municipal non son os únicos que teñen dereito a determinada información, "senón tamén todos os veciños de Sanxenxo".

Neste sentido, cómpre lembrar que, no pasado Pleno ordinario, que tivo lugar o 24 de setembro, a independente Vanessa Rodríguez presentou un rogo, no que solicitou ao bipartito que non utilizase a páxina de Facebook do Concello para publicar comunicados nos que dese resposta ás críticas da oposición.

Comentarios