Mari Agís: "Hai que poñer en valor o noso"

Comezou no mundo da música por tradición familiar, para rematar facendo da educación un dos eixos da súa vida ▶ Con esta entrevista remata a serie Vida Salnés que cada domingo se publicou, durante 12 meses, en Diario do Salnés e Diario de Pontevedra, con texto de Alberto Avendaño, fotos de J.L. Oubiña e edición en vídeo de Eduardo de La Peña
Mari Agís para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Mari Agís para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A miña historia
Nacín en Dorrón que é unha parroquia de Sanxenxo. Miña nai era ama de casa pero empezou a traballar de peixeira xa de maior. Meu pai estivo sempre embarcado. Críamonos coa miña avoa. Á miña avoa sempre lle gustaba apoiarnos nas cousas que nos gustaban. Cando eramos pequenos non había tanta oferta en actividades extra escolares como hai agora, e a única actividade extra escolar que se ofrecía na cole de Dorrón era baile tradicional galego. A miña irmá e mais eu apuntámonos e meu irmán ía a Meaño a banda de música, empezou a tocar a trompeta alí. Á miña avoa encantáballe levarnos a ensaiar, e cando tocaba actuar tamén. Eu medrei con esa afición ata os 20 anos, logo empecei a estudar maxisterio en Pontevedra e nese momento cambiaron o plan de estudos. Apareceron especialidades novas, como pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe... eu teño unha prima con síndrome de Down e outra xordomuda e iso dábame a oportunidade de axudar a xente con dificultades. Entón cambieime a especialidade de pedagoxía terapéutica que empezaba en Ourense. E agora son mestra de primaria e traballo no colexio A Florida de Sanxenxo. 



Es educadora de vocación?
Si, é a miña vocación e acertei cen por cen porque me encanta e disfruto moitísimo do meu traballo. 

Como inflúe na túa vida?
Como é a miña vocación, é como que o levo a todos os aspectos da vida. Dentro da tradición cultural, empecei en Soalleira, como un grupo de nais que organizaban as actividades de baile galego no colexio de Magaláns e chegou un momento en que decidiron facer unha asociación, a Asociación Cultural Artística de Dorrón, pero só tiñan baile galego. Eu sempre estiven como alumna e cando tiven a miña primeira filla, Lidia, aos tres anos empezou en baile tradicional e gustoulle mogollón e aí foi cando eu entrei na directiva da Asociación. Levo 19 anos na directiva de Soalleira.

E logo o profesional e o personal son o mesmo mundo?
Si, están ligados porque no meu caso gústame tanto a miña profesión que non o tomo como un traballo. Dentro de Soalleira empecei a ensinar de casualidade, para substituir a profe que estaba no grupo. 

Que aprendiches como educadora de baile tradicional?
Aprendín que a cultura tradicional galega é súper rica. E o noso patrimonio é inmenso. Na asociación empezamos a propoñer novos retos sen quedarnos só no estrictamente folclórico. 

Mari Agís para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Mari Agís para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Por exemplo?
Empezamos a organizar unhas xornadas culturais que tiñan, ademais dun festival folclórico, unha exposición e aí empezamos a traballar aspectos da nosa cultura. Por exemplo, o cultivo do millo, a elaboración da augardente, as costureiras, a emigración, as festas da nosa parroquia...

E investigando o pasado chegades aos alcumes.
Na primeira exposición que levamos fotografías antigas démonos conta de que a xente tiña moitísimo interese en rescatar eses recordos. Antes da pandemia decidimos investigar nos alcumes porque era algo que se estaba perdendo. Por exemplo, a miña avoa é a Bartola aínda que se coñecía máis pola Malagueña; pero o malagueño realmente era meu avó. E eu era a neta da Malagueña, pero xa non son a Malagueña e meus fillos menos. Entón pensamos que os alcumes son algo que se ían perder e decidimos investigar. 

Fixestes traballo de campo?
Si. Fomos polas portas dos nosos veciños preguntando que alcume tiñan, que significaba, desde cando tiñan ese alcume... Entón empezouse a enredar a información e a medrar ata que nos vimos cunha árbore xenealóxica dun alcume dunha familia. Supuxo tanto interese entre os noso veciños que fixemos unha segunda edición dos alcumes. 

Dime algún dos alcumes de Dorrón.
O noso por suposto, a Malagueña, despois o Ferreiro, o Camarón, os de Gómez... hai relacionados con apelidos, relacionados con profesións ou relacionados igual cunha tara: A Gorda, por exemplo, aínda que a que nós coñecemos agora non é gorda, é delgada e a súa nai tamen era moi delgada, pero chamábanlle Rosa a Gorda.

Por que?
Pois igual polo contrario, porque era moi delgadiña. Ela non o recorda tampouco. Hai moitos alcumes que a xente non sabe de onde viñan. O noso, o de Bartola si sei por onde ven. Era polo meu tataravó que se chamaba Bartolomé, e o da Malagueña porque alguén da miña familia foi a sega a Castela e cando acabaron a sega decidiron ir máis abaixo para atopar traballo e chegaron a Andalucía, e acabaron quedándose alí e montaron un bar en Málaga. 

Como conectan as novas xeracións co folclórico?
Se che gusta a tradición conectas. Nós temos na asociación un montón de adolescentes, de ata vinte e vinte e pico anos, que levan na asociación desde os tres anos e siguen aí. Non é incompatible coas novas tecnoloxías nin coas novas músicas.

Mari Agís para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Mari Agís para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Entón non morre a tradición? Non morre o galego?
Está nas nosas mans que non morra. No noso caso, a maioría do alumnado que temos é castelán falante pero na nosa actividade, os cantares, e todo o que aprendemos é dentro das nosas raices, entón aínda que fales castelán, o amor pola túa terra, pola túa tradición, non é incompatible.  Si que está moi ben defender o noso idioma porque é parte da nosa cultura. 

Entón o galego non morre?
Eu creo que non. Está máis vivo que nunca.

Como se pode ter tanto amor ao ensino con todo o estrés que conleva?
Si que hai demasiada burocracia. Eu xa non recordo cantas leis pasei desde que empecei na educación. Agora hai demasiado papeleo e non nos centramos no importante que é dedicarlle tempo ao alumnado. 

Que diferencias tes visto nos teu anos no ensino?
Moitísimas diferencias. Eu creo que o acceso á información por redes sociais e ordenadores, o acceso rápido á información, fai difícil motivar ao alumnado. É moi difícil motivar á lectura que necesita máis pausa, máis paciencia. Necesitan cambiar rapidamente de actividade porque están demasiado estimulados co que lles chega vía imaxe. 

Como se combate iso?
É moi complicado de combater. Hai que intentar primeiro non expoñer desde tan nenos aos máis pequenos ás pantallas, e motivalos con outras cousas. 

E nas aulas, como tratades as tensións entre o masculino e o feminino? 
O máis importante é educar na igualdade. Respeto e igualdade. Eles veno, eles saben que os nenos son quen de facer o mesmo que as nenas e viceversa. 

Que aprendiches na casa?
Aprendín que a familia é moi importante e que o respeto é moi importante.

Que é ser muller?
Ser persoa igual que o home. Un habitante deste planeta.

Vanse superar as tensións de xénero?
Espero que si, pero sempre desde a educación. Esa é a base.

Fáltanvos ferramentas aos educadores?
Non, penso que os mestres temos ferramentas dabondo. O que pasa é que hai que traballar en equipo. Nós sós non somos capaces se non vai acompañado dun traballo dentro da familia: mestres, familia, entorno.  

Que se aprende na Asociación?
Muiñeira, xota, pasodobre, agarrado e logo temos pandeireta e percusión e gaita. Agoro só lles dou clase a iniciación de baile. E a mestra María Vidal dá pandeireta e percusión e logo temos a outro profe, Álvaro Carballo, que imparte gaita e baile e percusión: tambor, bombo..

Para achegarse ao folclórico, hai que ter unha ideoloxía determinada?
Non. Para nada. É como unha actividade que che gusta, sen máis. Pero para vivilo intensamente tes que levalo dentro, non só as cancións e o folclore, senón a cultura en xeral e tamén o patrimonio.

Por que te motiva tanto o patrimonio?
Porque nos identifica con que somos. En Dorrón no río Pintillón hai catro muiños que eran para algúns veciños descoñecidos. Decidimos facer unha muiñada que foi unha festa en torno ao muiño da costa. Acompañamos dun roteiro por onde se podía pasar e a raiz de aí a xente empezou a coñecer. Ese amor polo noso, e facer esa ruta polo pobo parando en cruceiros, en muiños, no pazo Bermúdez de la Maza... iso fixo que os veciños coñeceran máis e o concello tamén se implicou e a asociación de veciños tamén e inauguraron unha senda polo río Pintillón. Eso é ter amor polo noso.

Es unha activista cultural?
Se queres chamalo así, me vale. Eu quero poñer en valor o noso e darlle o sitio que se merece. Realmente amas o que coñeces. 

Como é a xente de aquí?
A xente de Dorrón, de Portonovo, de Sanxenxo, e de Galicia en xeral é xente moi acolledora, moi servicial. Compartir é vivir.

E ti?
Eu non sei definirme. Pero se debo definirme eu diría que son unha persoa empática que é capaz de poñerse na pel do outro.  

Test de vida

Unha palabra?
Empatía.
Un lugar?
Dorrón.
Unha persoa?
A miña nai, Encarna.
Unha personaxe?
Calquera persoa que loite por cambiar o mundo.
Alguén importante?
A miña familia: Jose, o meu marido, e Lidia e Óscar os meus fillos.
Un obxecto?
Un lápiz.
Unha ferramenta? 
Un fouciño.
Alguén imprescindible?
A familia. 
Que é a vida?
É unha viaxe que hai que disfrutar a tope e vivila sendo o máis feliz que poidas acompañado dos teus seres queridos, da xente que te rodea e que te quere e que ti queres.

Comentarios