Martín: "Carabuxeira será unha realidade; aquí non hai vencedores nin vencidos"

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, anuncia a autorización do Servizo Provincial de Costas para a rexeneración da praia de Sanxenxo. Telmo Martín estima que comezará en novembro
2020100812362222028
photo_camera As autoridades políticas visitaron este mércores A Carabuxeira e Lavapanos. CONCELLO

"Nin vencedores, nin vencidos", así resolveu o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a eterna batalla por conseguir a rexeneración da praia da Carabuxeira, un fin polo que o colectivo de veciños da zona levan loitando moitos anos, e outros tantos leva o Concello intentando sacar adiante o proxecto. "Non hai culpables, é un tema moi delicado, porque é unha zona sensible, e levou moito traballo chegar a este punto", aclarou o alcalde. Agora, ese "pistoletazo de saída" tan agardado por fin se fai realidade.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou este mércores o areal e as súas inmediacións, acompañada do xefe provincial de Costas, Enrique Fernández, para anunciar a próxima sinatura da resolución de Costas do Estado, que dá luz verde á primeira fase de recheo con 10.000 metros cúbicos de area para iniciar a recuperación do areal.

Os traballos desta primeira fase, que tamén contemplan a instalación duns xeotubos de contención para evitar a perda da area, poderían comezar, segundo estimou o alcalde, no vindeiro mes de novembro, sempre e cando "non haxa fortes temporais", xa que nese caso a area colocada volvería ser arrastrada ao mar, polo que a empresa adxudicataria tería que agardar ata a primavera para o inicio dos traballos.

Segundo detallou o alcalde, a quen acompañou a voceira do Goberno local, María Deza, os vindeiros pasos a dar son o inicio dos trámites ambientais en Portos de Galicia, que previsiblemente se presentarán a vindeira semana e, coa resolución da demarcación de Costas en Pontevedra, que tamén se prevé para a vindeira semana, en dúas semanas dende este momento poderíase licitar a actuación. "Nauta ten todo preparado xa, tanto a financiación coma o prego, para sacala a concurso".

A rexeneración completa levarase a cabo nunha segunda fase, que devolverá ao areal a un estado similar ao orixinal, nos anos 90

FASE DEFINITIVA. A primeira aportación de ata 10.000 metros cúbicos de area non dará por concluida, aínda, a rexeneración completa do areal. Isto levarase a cabo nunha segunda fase, "a máis importante e definitiva", tal e como afirmou o alcalde, que "non se fará antes de dous anos".

Trátase dunha actuación que contempla tamén a habilitación da contorna da praia, cun paseo e actuacións que darán solución ao deterioro das casas dos veciños que lindan cos areais de Carabuxeira e Lavapanos. Para esta segunda fase queda por diante "todo o proceso ambiental, e conseguir a financiación para o paseo e para protexer as vivendas", explicou o alcalde, que pediu a colaboración da subdelegada.

A pesar diso, Maica Larriba lembrou que a autorización que firmará o Servizo Provincial de Costas nuns días "é unha autorización vinculada á realización definitiva do proxecto, que agardamos que acelere todo o posible os seus trámites", polo que quixo destacar a "implicación deste Goberno coa preservación e recuperación do noso litoral".

O xefe do Servizo Provincial de Costas explicou que "este aporte de area é de carácter brando, xa que está vinculado ao proxecto definitivo que incluiría una obra de carácter ríxido e definitivo. O seu obxectivo é protexer temporalmente esta zona de vivendas".

A praia fíxose pedregal hai unhas décadas
A praia da Carabuxeira, e a súa veciña, Lavapanos, non sempre foron un pedregal. Á beira dos anos 90, a area cubría as rochas, e a praia gozaba dunha boa calidade. Tal e como denunciara o colectivo de veciños da zona, a construción do espigón do Porto Deportivo hai décadas, fixo que a area das praias se fora a depositar, tal e como se descubriu recentemente, no fondo mariño próximo.

O xefe do Servizo Provincial de Costas explicou este mércores in situ que a construción do Porto Deportivo fixo de barreira para a oleaxe, que cambiou a súa dirección, arrastrando consigo a area cara o outro lado. Tamén aclarou que, aínda que na primeira fase haberá un aporte de area importante, "non é a suficiente para entender a praia como perfectamente restaurada ao seu estado orixinal", que terá que agardar polo proxecto definitivo, no que se contempla unha aportación de 20.0000 metros cúbicos de area, cos que acadaría "unha configuración similar á que tiña previa ao ano 98, cando se executou o Porto".

Comentarios